Patrimoniogalego.net supera os 200 bens inventariados en apenas 100 días

xoves, 25 de agosto do 2011 Redacción

O balance dos tres primeiros meses en funcionamento de patrimoniogalego.net non podería ser máis positivo, pois en apenas cen días, o novo catálogo social dos bens culturais galegos converteuse no maior inventario on line do noso patrimonio. Xa hai catalogados máis de douscentos elementos patrimoniais, unha cifra que se incrementa día tras día en virtude da colaboración desinteresada dun cada vez máis nutrido número de catalogadores.
Esta plataforma soportada por WordPress, funciona dun xeito semellante ao da Wikipedia, de xeito que calquera persoa pode participar no catálogo inventariando aqueles bens culturais que coñeza, para o que só ten que rexistrase como catalogador o inventario e animarse a fotografar os elementos que desexe e introducir datos dos mesmos para enriquecer este Sistema de Información Xeográfica (SIX) que actualmente recolle información referente a bens culturais inmobles (castros, dolmens, petróglifos, cruceiros, fontes, hórreos, pallozas, pazos...).
Unha vez inventariados os elementos, calquera outro catalogador pode ampliar os datos, engadindo nos comentarios unha descrición máis detallada ou observacións sobre o seu estado de conservación.
As fichas serán revisadas polo equipo de editores de patrimoniogalego.net co fin de corrixir posibles erros na catalogación dos bens culturais e completar a información cos datos necesarios.
A finalidade última deste catálogo social é a de axudar a conservar o patrimonio galego, causa que suma cada dia máis adhesións, e tras nacer a iniciativa de Manuel Gago, xa conta co apoio de Xurxo Salgado e Félix Aragunde (Gabinete de Comunicación), Xosé Gago, Adela Oyonarte, Franjo Padín e Carmela Sánchez Arines (Editores) eE Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza (Produción).

PUBLICIDADE