Pecha con éxito a edición de apertura do primeiro festival de webseries do Estado: Carballo Interplay

luns, 28 de abril do 2014 Redacción

Os integrantes dos Poetarras, webserie galega premiada no certame

Finalmente xa temos o palmarés dun certame audiovisual galego que vimos anunciando dende hai meses e que salienta entre o panorama de certames audiovisual por centrar o foco nun dos grandes fenómenos creativos do noso tempo: as webseries. Falamos da primeira edición do festival Carballo Interplay, que foi “primeira edición” por partida dupla: por unha banda por ser a primeira entrega de si mesmo e pola outra por situar a vila coruñesa como a primeira localidade do Estado que acolle unha celebración destas características. Indo ao palmarés en si mesmo, dicir que resultaron gañadoras a series catalás Les coses grans (mellor traballo en imaxe real) e Ventura Time (mellor achega de animación).
No caso das producións da nosa terra e na nosa lingua, resultou vencedora Poetarras, unha webserie que vén da man de Manuel Gago, Rubén Lino Mandado e Daniel Vilaverde e que amosa pequenos anacos do día a día dun “colectivo arteterrorístico” que se dedica, basicamente, a ofender aos ofendíbeis a través dos seus sketchs. Outra serie galega, Palabras secretas, recibiu unha mención especial, e Entre pipas foi recoñecida polo seu guión e actores (Luís Zahera e Xúlio Abonjo). Asemade, houbo mención especial para lavida.es. A mellor actriz foi Mar Ulldemolins por Les coses grans. Lembrar que no Carballo Interplay, que este domingo puxo o punto e final á súa primeira convocatoria, participaron un total de 35 webseries. En total, repartíronse 5.000 euros e agasallos deseñados polo artista David Méndez.

PUBLICIDADE