Pepephone podería ofrecer fibra óptica o mes que vén

luns, 23 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O Operador Móbil Virtual (OMV) máis popular en España, Pepephone, incorporouse ao grupo MásMóvil, o que está a supor numerosos cambios, como que as novas altas do seu servizo de banda larga fixa mediante ADSL2+ ofrecerase a través da rede de MásMóvil e Orange e non da de Vodafone, como facían até o momento (cambio que paulatinamente aplicarse aos clientes actuais), e a esta medida súmaselle outra bastante rechamante: en febreiro comezará a ofrecer fibra óptica simétrica.
A nova conexión de banda larga fixa mediante FTTH de Pepephone podería ser unha das máis baratas do mercado, aínda que a diferenza da competencia suporía o pagamento dunha cota de alta para sufragar os equipamentos, na liña do que acontece co ADSL2+. Estamos ante un escenario descoñecido para o usuario doméstico, pois o feito de que un usuario final poida mercar un ONT e un router para o servizo de Internet mediante FTTH non se dera nunca, e posiblemente Pepephone ofrecerá tal posibilidade, aínda que o máis probable é que os consumidores opten por un hardware que comercializaría a propia compañía ante a reducida oferta deste tipo de dispositivos no mercado de consumo.

PUBLICIDADE