Periga o labor a prol do coñecemento do Consorcio de Bibliotecas das Universidades Galegas

martes, 29 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O coñecemento na nosa terra non o ten doado: as redes cobren minimamente ben as nosas cidades e vilas e deixan case na escuridade comunicativa a unha boa parte do noso rural. Se a estes atrancos lle engadimos o peche da billa do financiamento en determinadas entidades que levan ano despregando esforzos a prol do coñecemento, entón probablemente esteamos a asegurar a desligazón definitiva co progreso. Este é o punto de vista das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo a propósito dos recortes de orzamento dos que está a ser obxecto o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (CBUG), unha entidade nada en 2001 co apoio da Xunta e do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) nos aspectos técnicos.
O Consorcio, que ao longo da súa andaina xerou entre a comunidade educativa das tres Universidades (máis de 60.000 usuarios, entre alumnos, profesores e investigadores) todo tipo de información en liña (bases de datos, revistas electrónicas), mantivo a súa actividade grazas ás achegas das ditas institucións educativas e da Xunta (arredor do 40% do total).
Porén, sinalan as tres Universidades, o papel de motor da innovación do CBUG vaise ver restrinxido en breve cunha redución dun 20% no seu financiamento. Este recorte promovido pola Xunta está a supoñer, sinalan as institucións educativas, a cancelación de once bases de datos de referencia que dan acceso a máis de 29 millóns de artigos científicos e a máis de 1.700 revistas electrónicas dos diferentes ámbitos do coñecemento. No manifesto conxunto a prol da continuidade da actividade normal do Consorcio, as Universidades queren deixar constancia “do seu desacordo e malestar co recorte das achegas destinadas ao financiamento destes recursos electrónicos xa que entendemos que representa un claro freo ao coñecemento, sendo este, segundo recoñece a propia Xunta de Galicia, a base para o desenvolvemento dunha economía e unha sociedade máis modernas, con maior calidade de vida e máis sostibles”.

PUBLICIDADE