Pictoaplicaciones lanza nova ferramenta que traduce a pictogramas calquera web ou vídeo

venres, 1 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Este sábado 2 de abril celébrase o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo e a firma galega Promedia, emprazada no Milladoiro (Ames), quere aproveitalo para sensibilizar á sociedade sobre este tipo de trastornos (autismo, Asperger ou trastornos de comunicación na linguaxe oral), para loitar contra a discriminación social da que soen ser obxecto estes colectivos e, tamén, para reivindicar o importante potencial das novas tecnoloxías para romper barreiras e favorecer a plena inserción.
Tecnoloxías (precisamente) como Pictoaplicaciones, portal gratuíto desenvolvido por Promedia que leva anos achegando á comunidade educativa aplicacións e recursos específicos para persoas cos devanditos trastornos. Como novidade a ter en conta no portal, amais de celebración do dito Día Internacional, dende a empresa Milladoiro lembran que veñen de rematar un plugin para a ferramenta Pictotradutor, que permitirá traducir a pictogramas calquera blog, páxina web ou vídeo.
Segundo nos contan dende Promedia, Pictotradutor é unha aplicación de “gran utilidade”, sobre todo na integración daquelas persoas que entenden mellor a linguaxe a través de pictogramas, e daqueloutras que por sufrir trastornos de deterioración cognitiva (accidentes cerebro-vasculares, Alzheimer, parálise cerebral) tamén se comunican mellor con imaxes.
O plugin funciona dunha maneira moi sinxela. Así, a través da ferramenta e unha vez que nos rexistremos, escribiremos aquela frase que imos introducir na nosa páxina web ou blog. Cando premamos no botón de validación veremos que aparece unha nova icona, Inserir pictotradución na túa web, e accedendo a ela aparécenos unha xanela con tres pestanas (HTML, Wordpress e Blogger), das cales teremos que elixir a que se adapte á nosa web. O resultado será que na vosa páxina, á beira do que queiramos traducir, aparecerá unha pequena icona, e premendo sobre ela abrirase unha xanela traducindo a frase a pictogramas.

PUBLICIDADE