Plantillasweb.org: webs a baixo custe para pemes dende Compostela

xoves, 14 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O equipo de Plantillasweb.org na súa sede de Compostela

A Rede, definitivamente, non sería aquilo que pediríamos se estivésemos no mar, un pouco perdidos, e visemos pasar un barco. Ditou doutro xeito: non é un salvavidas para ningunha empresa, e hai moitas que non precisan de Internet, pero si que pode ser, para algunhas outras, a voz que estaban a agardar ante a seguinte pregunta: podo mellorar a imaxe, a carteira de clientes e as comunicacións? Segundo conta Xosé Rivera, director da galega plantillasweb.org, as novas tecnoloxías, empregadas con cabeciña, teñen feito moito por unha chea de compañías, polo que de boas a primeiras ninguén debería crerse merecedor dun trato diferente (negativo). Neste senso, o primeiro que debe ter en conta un empresario é facer coa Rede o mesmo que adoita a facer con calquera recurso que se lle pon diante: investigar. Se o proceso vaino levando paseniño cara a unha perspectiva de medre, entón mellor non dubidalo: cómpre que se lance á Rede e abandone dunha vez por todas as fileiras dun colectivo que por desgraza semella que abonda moito por estas terras, o que a xuízo de Rivera é o dos “empresarios acomodados conservadores”.
Para eles e, sobre todo, para os que non queren nin por asomo que lles poñan a etiqueta, plantillasweb.org ten unha serie de propostas: Para comezar: que tal unha web a moi bo prezo e ao alcance de todos os petos? Ou ben lowcost, “como dirían os estranxeiros”, puntualiza Rivera dende a súa web, especializada en venda e edición de plantillas.
-Podemos dicir que hoxe en día hai demanda real na nosa terra de servizos de creación de webs para as empresas? Se é así, por que se tardou tanto en chegar a este punto? A comunicación en liña xa non se ve como algo do que se pode prescindir?
-Si, hai demanda, en realidade é un mercado moi importante. Nos primeiros anos estivo rexido pola confusión do novo medio e do xurdimento de moitas empresas con distintas filosofías de traballo, agora o empresario sabe o que quere e o que precisa ou finalmente comeza a confiar nos profesionais con credenciais.
Certamente non é unha ferramenta imprescindible para todas as empresas pero si de gran axuda ou fundamental para a maioría, o principal e que o propio empresario debe saber e debe investigar en que o pode beneficiar, pois el mesmo é o responsable do benestar da empresa; debe facerse as seguintes preguntas:
-Pódeme axudar a chegar a xunto máis clientes?
-Pode mellor a imaxe da miña empresa, dos meus produtos, do meu proxecto?
-Pode axilizar a comunicación, aforrarme trámites?
-A miña web pode ser un comercial incansable sempre dispoñible?
Para a maior parte dos que emprendemos un proxecto empresarial as respostas son positivas.
-Hai no noso país algún sector que estea a rexeitar a comunicación que subministra a Internet malia precisalo especialmente? Credes que, por exemplo, é necesario hoxe en día que todo restaurante teña a súa páxina web particular, con datos e novas sobre as actividades e as ofertas postos en xogo?
-Non hai un sector en particular, si hai un empresario en particular: o acomodado conservador. A vida empresarial é unha experiencia retroactiva na que sempre debemos estar atentos as flutuacións do mercado, as innovacións, aos cambios; todo isto é unha responsabilidade do empresario. Sen embargo, son palpables en Galicia moitos casos de empresas que acadan un benestar nos primeiros anos e deciden seguir cara adiante con ese comportamento protocolario para o resto da súa existencia, somos emprendedores pouco ambiciosos.
No caso do restaurante, é un valor engadido máis, a súa rendibilidade saberiámola cun estudo dos seus clientes potenciais.
-Que equipo de traballo se precisa para facerlle fronte á demanda cun paquete de servizos como o que vós ofrecedes? Canto sodes e dende onde traballades? A que tipo de profesionais dades acubillo?
-Para cubrir con solvencia o traballo web precísanse tanto deseñadores como programadores ademais de unha persoa que coordine e dirixa a ese equipo; e ese é o noso caso: en www.plantillasweb.org somos 2 deseñadores, 1 programadores, 1 editor de vídeo e 1 director.
As nosas oficinas están en San Lázaro; Santiago, a carón do Pazo de Congresos, é un estudo de deseño que calquera pode visitar.
-A quen vos dirixides principalmente? A empresas dun determinado sector ou pertencentes a todo o noso tecido económico? A empresas de peso ou ás de máis reducido tamaño?
-A proposta que facemos con este proxecto está dirixida a empresas de todo tipo de sectores e en canto ao tamaño sobre todo as pemes, xa que se trata de unha proposta innovadora: webs a baixo custe (lowcost como dirían os estranxeiros ), aforrámonos o proceso máis conflitivo: a creatividade, xa que o cliente elixe entre miles de predeseños e vendemos un produto cerrado, o cliente sabe o que está mercando, elixe o que merca.
-Que ofrecedes vós que non estea xa no mercado con outro nome?
-O noso proxecto en si, existen empresas que fan webs, existen empresas que venden plantillas, pero ninguén se atreveu a facer un produto pechado de venta e edición de plantillas. Quizais non lle viron a rendibilidade que nos lle atopamos, é un produto no que tanto o cliente como nos saímos gañando.
-Tendo en conta que dende a vosa firma achegades modelos de plantillas para desenvolver páxinas web, non se corre o risco de que a dunha empresa determinada remate por asemellarse a outra?
-Se o fixeramos a mantenta e sen sensatez sería posible, pero tende en conta que dispoñemos de vaias ducias de miles de plantillas, incluso antes da edición e costumización. Nós mesmos asesoraríamos ao cliente para que distinguirse doutras empresas. Tamén debemos ter en conta que moitas casas, coches, etc fanse cuns mesmos materiais ou compoñentes é finalmente son produtos totalmente diferentes, a cuestión e que sexan funcionais e bonitos simplemente.
-Amais de poñerlle faciana a unha compañía na Sociedade da Información, que máis lles ofreces ás empresas?
-Os nosos clientes obterán ademais da súa propia web os arquivos bases para podela modificar no futuro, e mesmo usalos como base da súa imaxe para outros proxectos é dicir que serán totalmente independentes de nós. Do mesmo xeito o seu propio dominio estará ao seu nome para que eles mesmos o poidan xestionar se así o desexan.
-Por facérmonos unha idea e entrando no terreo dos prezos, canto lle custaría a unha firma que contactase convosco manter un sitio en liña na Rede, propio de seu, con todo o que iso implica no eido das vantaxes e dos recursos concretos?
-600 €
O cliente elixiría a súa plantilla e o seu dominio, indicaríanos a información que quere ofrecer a semana seguinte tería a súa web funcionando.
-En que linguas traballades? Dades servizos en galego?
-Galego, español e inglés
-Facedes webs para empresas de xeito exclusivo ou tamén a nivel de particulares?
-Tamén temos clientes particulares, os blogs de deseño e as galerías fotográficas personalizadas teñen un gran potencial.

PUBLICIDADE