Play-Doc e o operador R levan á televisión dixital os contidos do festival de Tui

xoves, 29 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais con sede en Tui, e máis o operador galego R presentaron este xoves 29 ante os medios de comunicación a nova canle de subscrición Play-Doc TV. Esta nova achega audiovisual permitiranos acceder, a través do servizo de vídeo baixo demanda de R, a contidos presentados anualmente no festival. A iniciativa diríxese a ampliar a proposta do certame “dando a coñecer un tipo de cinema documental que decote non ten cabida nos espazos comerciais de exhibición e ao que é difícil acceder fóra do circuíto de festivais”.
A través disto, unha escolma dos traballos máis salientábeis presentados en Tui, así como obras destacadas dos directores tratados nas retrospectivas de Play-Doc, proxectarase agora tamén no catálogo de vídeo baixo demanda do operador galego, tendo diante un público potencial de 100.000 fogares galegos.
O sistema de subscrición
Os clientes de televisión de R poderán acceder a esa escolma de documentais a través do servizo de subscricións de R, gratuíto neste período de lanzamento. A televisión dixital interactiva do operador galego permitirá acceder á lista de contidos á que o cliente se subscribe e visualizar os documentais tantas veces coma queira, no intre que desexe e facendo pausas ou rebobinando ao seu gusto.
Nun plano máis concreto, dicir que a canle Play-Doc TV comezou a súa programación en R coa filmografía completa de Ross McElwee, “figura esencial do documental autobiográfico norteamericano”, sinalan fontes do certame de Tui, como prato forte. A ela súmase unha escolma das obras máis representativas que pasaron por Play-Doc nos últimos anos. “Novos títulos iranse engadindo cada mes á canle, de xeito que o subscritor poderá acceder cada vez a máis películas”, informan.
A organización de Play-Doc aproveitou a ocasión para agradecerlle a R “a posibilidade que lle brinda ao festival de Tui de iniciar esta nova aventura, que supón un crecemento para o propio certame e unha oportunidade de ofrecer unha televisión de calidade e especializada”.

PUBLICIDADE