PlayStation Network estreará unha serie propia o 10 de marzo

mércores, 21 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Despois do éxito conseguido por plataformas en liña como NetFlix á hora de producir as súas propias series televisivas, a PlayStation Network non quixo ser menos, e durante os últimos meses colleu un proxecto que levaba anos circulando entre as canles televisivas para facelo realidade, de xeito que a banda deseñada de Brian Michael Bendis, Powers, estreará a súa primeira tempada o vindeiro día 10 de marzo.
Esta serie de 10 episodios chegará con periodicidade semanal a través da PlayStation Store, sendo totalmente de balde para os subscritores de PlayStation Plus.
Powers conta a historia dunha parella de detectives, Christian Walker e Deena Pilgrim, nun mundo no que existen os superpoderes e, de feito, o propio Walker (interpretado por Sharlto Copley) era un superheroe ao que arrebataron os poderes. Tanto os personaxes como a historia de Powers parece distar bastante da súa versión en viñetas, polo que a acollida que poida ter a produción audiovisual podería ser moi diferente entre lectores da obra orixinal e o público xeral, podendo achegarse este último á serie principalmente polo reclamo de que o estudio responsable da serie é o mesmo que fixo a popular Breaking Bad.


Primeiro trailer de Powers

PUBLICIDADE