PlayStation Plus decepciona en decembro

mércores, 30 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A magnífica selección de Xogos con Gold que Microsoft ofrece en decembro aos subscritores de Xbox LIVE (que inclúe xogos como Sleeping Dogs e Burnout Paradise) daba esperanzas de que Sony ofrecese unha boa selección de xogos para os subscritores de PlayStation Plus, como ten feito algún outro ano por estas datas, pero unha grande decepción chegou ao confirmarse o peor: non hai ningún xogo de certo empaque durante o mes de decembro, limitándose a producións independentes que, se ben son de calidade, son completamente descoñecidas para o grande público.
A partires do 6 de decembro poderase xogar a Stories: The Path of Destinies e Invisible, Inc para PlayStation 4; logo, os xogos de PlayStation 3 deste mes, Hyper Void e Tiny Troopers Join Ops, funcionan indistintamente en PS4, PS3 e PS Vita; e dos xogos de PS Vita, Color Guardians destaca por funcionar tamén en PS4, e VVVVVV completaría o que podería ser un dos peores meses de PS Plus dende que existe o servizo, cunha selección de xogos máis propia dunha tenda de aplicacións para móbiles que do catálogo dunha consola de videoxogos doméstica.

PUBLICIDADE