Plex mellora a súa versión na nube e prepara engadido para Kodi

venres, 2 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de meses dende Plex asombraron ao mundo ao presentar unha versión da súa solución de administración e reprodución de contidos multimedia baseada na nube, de xeito que con Plex Cloud sería posible manter a nosa colección de series e filmes nun servizo en liña como Amazon Drive, de xeito que non teriamos que ter un ordenador acendido as 24 horas para ter os nosos vídeos listos para a súa reprodución dende outros equipos e incluso dende dispositivos móbiles, simplificando enormemente a construción dunha biblioteca de contidos persoal que poida explorarse de xeito visual, no que viría a ser o máis semellante a ter un Netflix a medida.
Pero tras o anuncio de Plex Cloud como un servizo en beta para subscritores de Plex Pass, os seus desenvolvedores foron atopando bastantes pedras no camiño, polo que deixaron de repartir convites para participar na fase de probas, até agora, cando non só anuncian que retomarán o envío de invitacións o 5 de decembro, e non só iso, senón que tamén ampliarán o soporte na nube da súa plataforma, de xeito que non se limitará a Amazon Drive, senón que os usuarios poderán ter repartida a súa biblioteca audiovisual entre máis servizos de almacenamento en liña como Google Drive, Dropbox e OneDrive, de xeito que cadaquén pode elixir o que lle resulte máis práctico ou no que teña máis capacidade de almacenamento contratado (aínda que a plataforma de Amazon continúa a ser a que ten unha mellor relación entre capacidade e prezo ao ofrecer almacenamento ilimitado por 70 euros ao ano).

Plex en Kodi

Pero Plex Cloud non é a única novidade que chega dende Plex, senón que agora tamén anuncian que o seu reprodutor multimedia queda completamente aberto aos usuarios (de xeito que xa non haberá versións que precisarán de Plex Pass para funcionar) e, como magnífica novidade para moitos usuarios, tamén están a integrar Plex nun dos xestores multimedia máis populares na actualidade, Kodi, dende o que será posible gozar de Plex a través dun engadido que polo momento só está dispoñible para usuarios de Plex Pass por estar en fase de probas (asegurando que pode entrar en fase oficial en calquera momento, dando a entender que haberá que agardar pouco para que todos os usuarios poidan gozar deste completo engadido).
Unha das cousas máis rechamantes do engadido de Plex para Kodi é que presenta unha estética diferente aos clientes de Plex oficiais que hai até o momento, xa que decidiron experimentar con novas interfaces nesta nova versión, de xeito que permítenos ver novidades nas que están a traballar, confiándose en que paulatinamente esta nova aparencia e as súas funcionalidades vaian trasladándose ao resto de aplicacións de Plex.

PUBLICIDADE