Plex proba un servidor multimedia que permite levar a nosa colección audiovisual á nube

luns, 26 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses non foron poucas as veces nas que falamos de Plex, unha solución que permite a organización da nosa colección multimedia para a súa reprodución en rede en distintos trebellos, ou sexa, que permite que os ficheiros no noso ordenador, nun disco duro en rede ou noutros trebellos compatibles poidan estar accesibles dende outros ordenadores, consolas de videoxogos, dispositivos móbiles ou incluso televisores conectados a través dun sistema de menús de xeito que adoptan a aparencia de plataformas de vídeo baixo demanda como Netflix ou Wuaki.tv, incluíndo portadas e sinopses das películas e series de televisión, con grandes vantaxes como poder rexistrar os contidos que xa reproducimos, o último punto de reprodución (para poder continuar unha película onde a deixamos) e incluso inserindo subtítulos.
Aínda que as novidades ao redor de Plex ían dirixidos principalmente a versións da aplicación cliente que permite conectar a este servidor (como as de PS4 e Xbox One, que son de balde dende hai uns meses) ou a novos trebellos que permiten servir os contidos (como os discos duros de Western Digital que facilitan ter un servidor Plex para levar), agora temos unha grande sorpresa, xa que os responsables de Plex están a explorar a posibilidade de desligar a súa solución dun servidor local, optando pola nube, concretamente con Amazon Drive, de xeito que poderiamos contratar o espazo ilimitado na nube de Amazon (que custa 70 euros/ano) para almacenar todos os nosos contidos multimedia, e logo acceder aos mesmos a través do novo Plex Cloud, servizo que consistiría un Plex Media Server en liña, sempre dispoñible, evitando ao usuario o ter equipos e discos duros prendidos as 24 horas para poder acceder aos seus contidos, e podendo aproveitar tamén o poder da nube para converter os contidos a formatos compatibles cos dispositivos de reprodución que empreguemos.
Este novo servizo está aínda en fase de probas, e estaría limitado a usuarios de Plex Pass (que pagan unha subscrición mensual) que soliciten a incorporación no programa de beta, confiándose en que en poucas semanas pase a estar dispoñible de xeito regular.
O Plex Cloud promete ofrecer Plex en só 60 segundos (sen as complicacións de configurar e administrar un servidor multimedia), confía no espazo na nube de Amazon para evitar perda de datos, consegue un rendemento realmente bo (normalmente superior ao de acceder remotamente a un servidor Plex instalado nun fogar) e incluso pode supor un aforro económico.
Cómpre lembrar que o espazo ilimitado en Amazon Drive permite o seu uso de balde durante 3 meses, polo que é unha boa oportunidade para experimentar con esta tecnoloxía que poderiamos considerar como unha versión persoal de Netflix, na que o usuario é o que define o catálogo subindo os ficheiros a compartir á nube de Amazon (estando a avaliarse a posibilidade de que o servizo funcione con outros almacenamentos na nube máis adiante).

Vídeo de presentación de Plex Cloud

PUBLICIDADE