Pokémon Sol e Pokémon Luna saen á venda

mércores, 23 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Coincidindo coa celebración do 20 aniversario do lanzamento de Pokémon Vermello e Pokémon Verde no Xapón, chegan os novos xogos Pokémon Sol e Pokémon Luna, que presentan toda un rexión nova que explorar (Alola, composta por 4 illas tropicais e unha illa artificial), así como novas criaturas que enriquecer o universo de Pokémon. Aínda que poderiamos pensar que esta lonxeva franquía amosa fatiga, o lanzamento no verán de Pokémon GO! supuxo a súa revitalización, de xeito que estes novos xogos para Nintendo 3DS bateron todas as marcas de reservas dun título da saga, polo que promete ser un dos supervendas da campaña de Nadal, que tamén poderán adquirirse preinstalados nunha consola Nintendo 2DS.
Este novo xogo permitirá escoller ao usuario se adopta un rol masculino ou feminino, seleccionar entre 3 Pokémon iniciais (Rowlet, Litten e Popplio), transferir os Pokémon atrapados noutras versións de Pokémon para 3DS grazas ao Banco de Pokémon, gozar de combates Battle Royale, escanear códigos QR para desbloquear contidos e moitos outros detalles entre os que pode destacarse que chega en español, inglés, francés, alemán, italiano, xaponés, coreano e chinés, de xeito que a súa distribución global será moi rápida, o que agradecen os xogadores de todo o mundo, que dende hai uns anos non teñen que soportar fiestras de varios meses para o lanzamento do xogo no seu territorio.

Vídeo de promoción de Pokémon Sol e Pokémon Luna

PUBLICIDADE