Política Lingüística estrea unha ferramenta en liña para preparar as probas do Celga 1

luns, 6 de setembro do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que nos últimos tempos está a facer unha aposta firme por introducir as novas tecnoloxías e Internet en todo o que ten que ver co noso idioma, vén de estrear (na pasada fin de semana) o primeiro curso en liña preparatorio para as probas de certificación de língua galega do nivel 1, que facilita a participación das persoas interesadas sen ter que desprazarse dos seus fogares ou entornos de traballo máis do estrictamente necesario.
En total, segundo informan dende o organismo, nesta primeira convocatoria do Celga 1 en liña ofértanse tres cursos de modalidade semipresencial, de 35 alumnos cada un. Estes cursos contan con catro clases presenciais voluntarias (un total de 11 horas), que terán lugar na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela.
Asemade, para a xente de fóra de Galicia, a convocatoria conta cunha modalidade non semipresencial, na que están inscritas 50 persoas.
Este curso, na súa modalidade en liña, está conformado por 10 temas, cada un dos cales se corresponde cunha área temática comunicativa, e consta dunhas 50 actividades, entre elas, escoitar unha conversa e arrastrar a frase correcta ata a súa posición no diálogo, emparellar elementos, encher ocos, elixir a resposta correcta entre varias suxestións ou escoitar unha palabra gravada e usar o micrófono para tratar de reproducila.
Este novo sistema de aprendizaxe, que se enmarca no Plan xeral de normalización da lingua galega do departamento que dirixe Anxo Lorenzo, constitúe unha aposta decidida por darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego.
Os catro cursos do Celga 1 en liña, nos que están matriculadas 150 persoas, prolongaranse ata o vindeiro 12 de novembro.

PUBLICIDADE