Poñen á venda un prototipo do reloxo calculadora de HP de 1977

martes, 12 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Aínda que os smartwatches parezan algo dos últimos temos, realmente os reloxos de pulso con funcións electrónicas avanzadas non son ningunha novidade, como demostra un produto que están a pór á venda en eBay por 14.500 dólares (10.868 euros) e que vén a ser un prototipo de 1977 dun reloxo calculadora de HP, o HP-01, que é unha auténtica xoia histórica que no seu día xa custaba 600 dólares (o que sería moito máis do prezo polo que agora vemos aos smartwatches incluso sen ter en conta a inflación).
Aínda que os reloxos calculadora de Casio fosen algo moi habitual nos anos 80, ver que HP xa tiña o seu produto de aceiro inoxidable ou ouro na década anterior, a un prezo de auténtico luxo, permite contemplar claramente a evolución tecnolóxica que facilita a súa popularización acadando prezos asumibles en lapsos de tempo cada vez máis reducidos.

PUBLICIDADE