Pontevedra ábrese ás tendencias tecnolóxicas co TEK-FEST

martes, 27 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Fotografía de Cris Pontanilla do acto inaugural do TEK-FEST

Esta mañá abriu as súas portas virtuais a primeira edición do encontro internacional de tecnoloxías emerxentes TEK-FEST, que durante esta semana desenvólvese en Pontevedra baixo o lema de #ACidadeDoFuturo, xuntando a expertos en deseño, programación, imaxe, arquitectura, moda, redes sociais, arte dixital... para compartir coñecemento sobre as tendencias tecnolóxicas que mellorarán a vida nas cidades do futuro.
O certame principiou no Teatro Principal nun acto no que interveu a concelleira de promoción económica, Anabel Gulías, acompañada polo director creativo do encontro, Toño Cabanelas (Bermudas Land), quen presentou aos profesores dos obradoiros que botaron a andar a continuación: Antonio Víctor García-Serrano (realidade virtual) e Javier Noguerol (cartografía dixital).

Produción de contidos inmersivos

Rematado o acto inaugural os participantes repartíronse entre as dúas localizacións para cadanseu obradoiro, servindo a Casa da Luz de escenario para o workshop sobre realidade virtual e captación audiovisual en 360 graos para crear escenas inmersivas. Esta actividade foi precedida por un repaso do estado da arte por parte de Manuel González, director do programa Zoom Net de TVE, quen fixo todo un repaso pola creación de mundos virtuais no audiovisual e, principalmente, nos videoxogos, como un xeito de introducir ao ámbito emerxente da VR, lembrando os auspicios de que este sector vai vivir nos vindeiros meses unha crise por mor da sobresaturación de proxectos que saldarase nunha inevitable peneira na que xogará un rol moi importante a aceptación do p úblico, que precisa ser moi boa para poder soster as caras producións.
Máis práctica foi a intervención de Antonio Víctor García-Serrano, profesional con ampla experiencia na produción de contidos inmersivos, que no seu obradoiro, no que conta co apoio de Bermudas Land, comezou explicando como tanto a imaxes como o vídeo en 360 graos son case tan antigos como a fotografía e o vídeo tradicionais, de xeito que existen moitas técnicas sobradamente coñecidas que poden levarse á práctica, sendo incluso posible crear contidos de calidade en 360 graos cunha cámara estándar, sen ter que adquirir complexas e caras solución multi-cámara e podendo incluso gozar de imaxes máis ricas.
Durante a sesión matinal realizáronse demostracións de captación de fotografías en 360 graos e do proceso de cosido das fotografías tomadas para dar lugar a imaxes envolventes, así como unha profunda explicación de como aplicar estes principios ao vídeo, para aplicalo nos seguintes días de obradoiro por parte dos asistentes, que adquirirán así uns coñecementos prácticos máis que suficientes para poder producir contidos 360º no futuro.

Cartografía Dixital

Instantánea de Cris Pontanilla do obradoiro de CARTO

O resto de participantes nos obradoiros do TEK-FEST desprazáronse durante a mañá á Casa das Campás, onde Javier Noguerol imparte o seu obradoiro sobre CARTO, a través do que os asistentes poderán afondar na análise de datos xeoespacial e a súa aplicación ás cidades do futuro, que grazas a CARTO Builder poden contar con mapas interactivos con datos abertos que facilitan a análise e o procesamento de información en tempo real.

Simposio

A actividade central do TEK-FEST é o simposio que terá lugar o venres e que aínda ten aberto o proceso de inscrición. Nesta xornada conducida por Manuel González (Zoom Net) participarán Isabel Berz (innovadora na fusión de moda, tecnoloxía e procesos sociais), Javier Maseda e Pedro Medina (Sopalmo), Javier Noguerol (CARTO), Jimena Merino (Bermudas Land), José Manuel Costa (Retromanía), Toño Cabanelas e Miguel Espada, que durante a mañá desenvolverán distintas charlas para dar pé pola tarde a unhas sesións demostrativas moito máis prácticas que servirán de anticipo á xornada do sábado, considerada o Demo Day, na que o público xeral pode achegarse á Casa da Luz de 16:00 a 19:00 horas para ver os demostracións de traballos e probar en primeira persoa experiencias en realidade virtual.

Os participantes no obradoiro de realidade virtual do TEK-FEST introducíronse esta mañá na creación de fotografías inmersivas

PUBLICIDADE