Preguntados estrea versión para Windows Phone

xoves, 18 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O popular xogo de preguntas dos creadores de Apalabrados, Preguntados, chega finalmente a Windows Phone 8, aínda que na tenda de aplicación figura co título de Triva Crack, mantendo as características do xogo nas súas versión para Android e iOS.
Preguntados achega preguntas repartidas en 6 categorías (xeografía, historia, arte e literatura, ciencia e tecnoloxía, lecer e deporte) que deberemos responder tras xirar unha ruleta que decidirá unha categoría ao azar. Por cada tres acertos será posible retar ao contrincante ao un duelo ou aspirar á coroa dunha das categorías de preguntas, sendo o obxectivo do xogo facerse coas seis coroas.
Aínda que o xogo é de balde, permite o uso de power-ups, que poderán mercarse con cartos reais, como acontece na meirande parte dos xogos de Etermax (como Apalabrados e Mezcladitos). Aínda que xa conta con máis de 100.000 preguntas, esta inmensa base de datos vaise completando continuamente, permitindo incluso que os propios usuarios propoñan preguntas, conseguindo así que o xogo poida manter o interese durante bastante tempo.

PUBLICIDADE