Presentada en Santiago unha ferramenta web que permite aos concellos mellorar o ciclo da auga

xoves, 28 de maio do 2015 Redacción

O proxecto Life+ Aquaenvec, dirixido a mellorar e optimizar (ecoloxicamente) o ciclo urbano da auga, deu a coñecer hoxe en Santiago unha serie de datos sobre o seu traballo e, tamén, unha ferramenta web xurdida directamente da súa arela de buscar os xeitos máis sustentábeis e intelixentes de xestionar o líquido elemento. De feito, o recurso en liña presentado no Centro de Estudos Avanzados (USC) axuda á toma de decisións tanto para planificadores como para xestores destas actividades (empresas, profesionais, concellos), procurando o menor impacto ambiental ao mesmo tempo que se axustan os custes. O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos da USC, as Autónomas de Barcelona e Valencia, Viaqua e Sorea.
Para elaborar a devandita ferramenta, informouse hoxe en Santiago, calculáronse os principais impactos ambientais (cambio climático, eutrofización, destrución de capa de ozono e demanda enerxética) e os custes asociados a cada unha das etapas do ciclo de vida da auga. O conxunto destes indicadores permite determinar a ecoeficiencia segundo a metodoloxía ISO 14045.
Sinalar que Life+ Aquanvec desenvolveuse en diferentes cidades pequenas e medianas de Galicia e Catalunya, sendo Betanzos e Calafell os casos de estudo referentes. A selección destas cidades das beiras Mediterránea e Atlántica permitiu comparar zonas con diferenzas climáticas, de cantidade e calidade dos recursos hídricos e do uso da auga.
Na sesión deste xoves no CEA participaron máis de 50 persoas relacionadas co sector da auga, dende especialistas das administracións, confederacións, empresas xestoras da potabilización e depuración ata centros tecnolóxicos e investigadores das tres universidades galegas.

PUBLICIDADE