Presentada no Campus de Lugo unha aplicación que avalía a competitividade das nosas explotacións gandeiras

mércores, 29 de xullo do 2015 Redacción

O edificio Cactus do Campus de Lugo vén de acoller a presentación dunha ferramenta informática baseada nos fundamentos da lóxica difusa para avaliar a competitividade das nosas explotacións gandeiras. Segundo fixo saber o autor do traballo, o agrónomo lucense Álvaro García Corral, a cuarta parte das granxas galegas de vacún de carne non son rendíbeis sen apoio público. Ademais, amosan un grao de profesionalización “moi baixo”. Estes datos extraéronse, precisamente, da posta en práctica do seu recurso tecnolóxico de análise.
A investigación de García Corral foi dirixida polos profesores Francisco Sineiro e Ricardo Bendaña e leva por título Análise e tipificación de explotacións de bovino de carne en Galicia mediante un método baseado na lóxica difusa. No traballo proponse como dixemos unha aplicación informática para aplicar unha metodoloxía de análise e tipificación das explotacións gandeiras baseada na lóxica difusa.
A ferramenta, reflicte a USC, é de libre acceso e abrangue o procesamento de até 250 regras diferentes, “co que simula o razoamento dun experto mediante unha secuencia de algoritmos”, explicou o seu autor, que engade que outra das vantaxes é que pode ser empregada por persoas sen coñecementos previos de informática, “xa que a acción do usuario limítase a introducir os valores correspondentes a unha determinada explotación, tralo que recibe de xeito automático unha valoración da súa competitividade e das variábeis asociadas a ela”.
A aplicación, unha vez deseñada, foi posta a proba para examinar a fondo a actividade económica das explotacións de vacas de carne adheridas en Galicia ao Contrato de Explotación Sostíbel, un estudo co que se clasificaron as ganderías en tres grupos. O primeiro, que abrangue un 25% das 128 explotacións analizadas, caracterízase pola baixa profesionalización, nula rendibilidade e dependencia de subvencións públicas. As características que definen o segundo grupo, que inclúe o 32% das explotacións estudadas, son que se trata de “granxas viábeis desde o punto de vista económico, aínda que cun grao de rendibilidade moi baixo”. As do terceiro ámbito (o 43%) teñen capacidade para competir por consumos intermedios, soportan o custe laboral dun traballador a tempo completo e poden ser actividade principal na renda familiar, informou García Corral.

PUBLICIDADE