Presentadas perante os arquivistas da nosa terra as características do Arquivo Dixital de Galicia

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

A primeira hora da mañá inaugurouse no Gaiás (Santiago) a xornada técnica de presentación do Arquivo Dixital de Galicia aos profesionais do Sistema de Arquivos da nosa terra. A xuntanza desenvólvese no auditorio da Biblioteca e o Arquivo de Galicia e nela participan medio cento de membros do devandito Sistema, formado polos arquivos de todas as Administracións galegas (a autonómica, as provinciais, as locais) e tamén polos fondos das nosas universidades e de institucións como o Parlamento, o Consello de Contas, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura.
Na xornada de presentación interviñeron Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, amais da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. A finalidade da convocatoria é amosar ás arquiveiras e arquiveiros os pasos dados no proxecto do Arquivo Dixital de Galicia.
Na apertura do encontro fíxose saber que o futuro Arquivo Dixital é unha estrutura tecnolóxica destinada a servir como marco de referencia para os modelos de xestión de documentos electrónicos. Máis polo miúdo, con el darase soporte ao Arquivo Electrónico Administrativo e do Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental.
No acto tamén se lembrou a razón de ser do Arquivo e do seu desenvolvemento, que responde a unha estratexia de “creación de canles de comunicación, colaboración e pulo entre os arquivos que constitúen o sistema e os seus profesionais”.
Igualmente, fíxose un repaso polas áreas das que constará o Arquivo, sendo o devandito Arquivo Electrónico Administrativo un recurso especialmente acaido para suprimir o formato papel na Administración e posibilitar unha xestión e preservación segura e eficiente da documentación dixital. Segundo fixo saber Pereira, este recurso “é chave para garantir a interconexión dos servizos coas entidades locais e para reforzar os servizos do Centro de Proceso de Datos do Gaiás como nodo central de custodia de toda a información do Arquivo Dixital, desde onde se facilitarán procedementos administrativos e se lles prestará servizos de aloxamento documental ás entidades locais galegas”.
Pola súa banda, o Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental acubillará os fondos dixitalizados do patrimonio documental. “Este Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental”, engadiuse no acto celebrado no Gaiás, “arrancará coa dixitalización de 50.000 documentos dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense, e Municipal do Concello de Tui”.

PUBLICIDADE