Presentado en Pontevedra un webdoc sobre a relevancia do xogo no noso desenvolvemento

mércores, 27 de maio do 2015 Redacción

Estes días (e mañá no Congreso dos Deputados) estase a presentar Imagine Elephants, un proxecto que avalía a relevancia do xogo para múltiples aspectos, vertentes e ámbitos das nosas vidas. O proxecto materializouse nun webdoc (documental feito para ser distribuído, presentado e achegado dende a Rede, con espazo de seu e marxe amplo de interactividade) do mesmo nome e que foi impulsado pola asociación Samthing Visual coa colaboración da Fundación Crecer Jugando. Os seus autores son unha licenciada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra (Elena Cruces) e o estudante de Comunicación Audiovisual Julián Maguna. Xuntos presentaron o webdoc este martes no consistorio de Pontevedra. A obra xunta declaracións e testemuños de máis de 30 expertos en actividades lúdicas e no seu percorrido pola historia.
O documental, salientaron os seus creadores, naceu “da necesidade de que os adultos entendamos a importancia que ten xogar e todo o que achega o xogo ás persoas”. Máis aínda tendo en conta como as obrigas da sociedade na que vivimos “levan moitas veces a antepoñer actividades extraescolares ou outra serie de tarefas aos momentos de xogo espontáneo de nenos e nenas”, engadiron.
O traballo que Cruces e Maguna levan desenvolvendo desde hai preto de ano e medio poderá verse por primeira vez a través da súa web o vindeiro xoves 28 de maio, coincidindo co Día Internacional do Xogo. Será nese intre cando poidamos dar conta da totalidade do proxecto audiovisual, que adoptou a feitura dun webdoc para conseguir a meirande interactividade cos espectadores. “Para un proxecto cunha carga teórica tan grande, decidimos que sería o formato máis indicado, xa que permite indagar moito máis na historia que cunha reportaxe ao uso”, salientou na presentación Maguna, responsábel da realización e da edición do proxecto, no que tamén participaron os integrantes de Samthing Visual Sam J. Hardie, Eloy Táboas e Gonzalo Estévez.
Segundo fixo saber, o formato seleccionado posibilita contemplar o documental en si mesmo de 50 minutos e acceder tamén ás fotos e textos, e ademais permite ver íntegras as entrevistas realizadas a máis de 30 expertos e profesionais de ámbitos como a pedagoxía, a educación ou a psicoloxía, entre os que se atopan o pedagogo Francesco Tonucci, o catedrático da Universidade Complutense de Madrid Gonzalo Jover ou o catedrático da Autónoma de Madrid Josetxu Linaza. Deste xeito, este formato de documental interactivo permite aos usuarios acceder a unha “biblioteca audiovisual”, organizada por temáticas, con máis de 800 minutos de vídeo.

PUBLICIDADE