Presentados dous proxectos TIC galegos para axudar aos doentes cardiovasculares e con deterioro cognitivo

luns, 28 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea, nun intre da presentación desenvolvida no CHUS

A Aula da Innovación do CHUS acolleu este luns a presentación de dúas tecnoloxías galegas destinadas a favorecer o envellecemento activo e, nun plano máis concreto, a loitar contra os estragos na nosa calidade de vida que desencadean dúas doenzas de forte presenza na nosa terra: o proxecto PREBENCAR, destinado a pór en práctica medidas para evitarmos doenzas cardiovasculares, e o proxecto RISING, dirixida a mellorar o día a día das persoas con deterioro cognitivo leve (xeralmente fallos de memoria que non impiden a autonomía diaria). Na presentación ante os medios participou parte do equipo da empresa Balidea, co-desensolvedora de ámbalas tecnoloxías. Tamén concorreron profesionais de ImaGames (co-desenvolvedora de PREBENCAR) e de FrutoDS e Atendo (co-desenvolvedoras de RISING). Igualmente, interviñeron representantes do CHUS, salientando as importantes vantaxes e oportunidades que se abren coas dúas tecnoloxías, e máis para un territorio coma o noso, galego, fortemente envellecido (agora e, sobre todo, nas seguintes décadas).
Segundo coincidiron, favorecer que as persoas maiores nos anos vindeiros estean mellor atendidas e teñan máis calidade de vida non é só unha responsabilidade social, humana e tecnolóxica, “é tamén unha oportunidade para xerarmos innovación e emprego e evitar así que os nosos profesionais das TIC e da saúde teñan que buscar traballo fóra”.
No acto de prensa deuse a coñecer que PREBENCAR e RISING estarán prontas para empregarse pola poboación a mediados de 2018. En ámbolos proxectos participan, amais das empresas devanditas artelladas en consorcios, a Fundación Ramón Domínguez, o Centro de Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS, no primeiro dos casos) e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI, no segundo dos casos).
Ademais do devandito e de pertencer ao ámbito da eSaúde e do envellecemento activo comparten a seguinte razón de ser: xorden das necesidades asistencias detectadas por profesionais sanitarios e céntranse, de diferente maneira, en favorecer o “empoderamento” dos pacientes (cardiovasculares no caso de PREBENCAR e de doenzas de deterioro cognitivo, tipo alzhéimer ou demencia, no caso de RISING). Ou sexa, céntranse en impulsar a capacidade dos doentes para seren autónomos e, tamén, de constituírense eles mesmos en elementos dinámicos e activos da súa saúde e dos seus procesos de mellora.
A maiores do devandito, os dous proxectos comparten o seguinte: están co-financiados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da Consellería de Economía a través do programa Conecta PEME (que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, da UE).
PREBENCAR
O proxecto PREBENCAR, polas súas siglas Asesor Virtual Intelixente para a Prevención e o Benestar Cardiovascular, foi presentado en primeira instancia polos médicos do CHUS José Ramón González-Juanatey (xefe do Servizo de Cardioloxía) e Carlos Peña (cardiólogo do CHUS). Ambos fixeron fincapé na necesidade de habilitar canles de información efectivas e eficaces coa cidadanía, canles que favorezan nela un papel activo na prevención e no benestar. Segundo fixeron saber, os hábitos saudábeis reducen nun 80% o risco de doenzas cardiovasculares. “Malia isto e malia que practicamente toda a poboación coñeza a natureza destes hábitos”, sinalaron, “non só non se detecta unha freada da incidencia destas doenzas, senón máis ben o contrario”. Polo tanto, son precisas ferramentas para animar á cidadanía no seu papel de activo de prevención (no caso de non sufrirmos este tipo de enfermidades) e de benestar (no caso de que térmolas xa).
Logo da intervención de González-Juanatey e Peña foi a quenda do director executivo de Balidea, Lorenzo Rodríguez Currais, que sinalou que dende o comezo un dos obxectivos de PREBENCAR foi o de ser o escenario comunicativo real e eficaz que faltaba na devandita preza de prevención. Trátase, sinalou, dunha tecnoloxía que ten moito de intelixente, de fogar dixital, de minaría de datos e, tamén, de gamificación (a práctica de trasladar ao mundo real metodoloxías propias, de probada eficacia, do mundo dos videoxogos e as aventuras gráficas).
Nun plano máis concreto, sinalaron que se trata dun asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovasculares. Busca achegar unha aplicación móbil que lles permita aos pacientes autoxestionar a súa saúde cardiovascular, promovendo a actividade física, o descanso suficiente e a alimentación cardiosaudábel, evitando ademais o sedentarismo e adiando a dependencia.
En definitiva, búscase facilitarlles aos cidadáns, aos profesionais da saúde e aos servizos sanitarios a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboación, procurando un cambio en costumes e hábitos sociais, e dando resposta a un reto na sociedade actual: acadar unha cultura cardiosaudábel a través dun cambio de rol nas propias persoas. Segundo se fixo saber na presentación, un dos principais avances de PREBENCAR é “o seu alto nivel de personalización”.
A tecnoloxía RISING
A tecnoloxía RISING, pola súa banda, é un asistente para persoas con deterioro cognitivo leve que propón terapias neurolóxicas baseadas na actividade diaria. Segundo lembrou na presentación Luis Barros, director de Innovación de Atendo, un dos grandes obxectivos do proxecto é dar forma a unha “neta virtual” que achegue apoio ás persoas maiores que viven soas, que teñen miúdos problemas de memoria (que non lles impiden levar unha vida normal) e que precisan, porén, unha axuda diaria para as súas actividades cotiás. Unha axuda, por outra banda, que non lles supoña unha molestia e lles sexa comprensíbel e asimilábel. Para Barros o envellecemento da poboación galega é de feito motivo de preocupación, pero tamén pode ser unha oportunidade para innovar, para dar o mellor de nós mesmos a nivel de desenvolvementos sociais e, tamén, para crear unha industria que evite a fuga de profesionais lonxe da nosa terra. “Neste ámbito podemos facer cousas moi interesantes”, sinalou, “asistindo tecnolóxica pero tamén emocionalmente aos nosos maiores, empoderándoos e facilitándolles unha oportunidade clara de envellecemento activo”.
A un nivel máis concreto, RISING (Rich Stimulation Daily Living) é un asistente para persoas con deterioro cognitivo leve que propón terapias baseadas na actividade diaria. Para facernos unha idea do seu potencial, lémbranos facer cousas como tomar a medicación ou levar a cabo do mellor xeito as nosas obrigas diarias. Igual que faría un familiar de menor idade ou outra persoa maior que non tivese problemas de deterioro cognitivo. De maneira significativa a solución que vai aplicar o proxecto chámase NETA. De feito, o seu obxectivo é reproducir no plano tecnolóxico a familiaridade entre avós e netos.

PUBLICIDADE