Presentan en Arteixo un hub tecnolóxico que verá a luz tras o verán

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Miguel Lorenzo Rodríguez explicou estar tarde as aspiracións de Tech Factory

Esta tarde presentouse no espazo de coworking 15142 de Arteixo o proxecto que está a nacer da colaboración dos usuarios desas instalacións, que buscará consolidarse como empresa á volta do verán e que levará por nome Tech Factory. Esta iniciativa empresarial aglutina os talentos detrás de proxectos xa existentes, como son a plataforma de recrutamento CVgeek, a ferramenta de xestión empresarial Up Soluciones e un Language Lab, que concéntranse neste futuro hub tecnolóxico que impulsará iniciativas empresariais ligadas ao sector tecnolóxico.
Tech Factory potenciará tanto iniciativas empresariais xurdidas do propio hubou alleas (desenvolvidas por outros emprendedores) xa que non estamos ante un modelo de empresa tradicional, senón que buscará dar resposta á conxuntura empresarial actual, servindo de punto de encontro para emprendedores, profesionais, empresas e investidores, podendo ofrecer oportunidades de negocio a todos os participantes.

Os promotores do proxecto deron conta das súas posibilidades a potenciais colaboradores

Este proxecto nace da colaboración do consultor de xestión empresarial Miguel Lorenzo Rodríguez, o avogado David Romero Vilar, o experto en recursos humanos Andy Romero e a consultora Anna Singer, xunto con moitos outros profesionais que contribúen ao proxecto en distinta medida, xa que esta iniciativa busca ser flexible no que se refire á mobilización de recursos á hora de cumprir coas necesidades que demanden os seus clientes (recorrendo a produtos tanto internos como externos). A este respecto, Miguel Lorenzo Rodríguez detallou que “abrimos a posibilidade de que calquera persoa que poida estar vencellada co sector, en calquera das súas vertentes, poida participar en proxectos que se vaian desenvolver dentro do hub”.
Rodríguez tamén insistiu en que Tech Factory está orientada aos beneficios, como toda iniciativa empresarial, polo que buscarán ofrecerse a outras empresas para atender as súas demandas tecnolóxicas, ou sexa, que buscan crear tecnoloxía que teña aplicacións prácticas. Temos así que Tech Factory “vai se unha sorte de contedor que vai coller ideas e proxectos e lanzalos como empresa, para que funcionen e sexan rendibles. Sempre dende o punto de vista de que o que participe poida ter un negocio e non traballe sobre expectativas futuras”.

Tech Factory nace da colaboración de varios usuarios do espazo de coworking 15142 de Arteixo

PUBLICIDADE