Presentan en Madrid a nova consola portátil Nintendo 3DS

venres, 11 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá a sala New Garamond de Madrid acolleu un evento organizado por Nintendo para centos de xornalistas e blogueiros para presentar oficialmente en España a súa nova consola portátil. Para que o acto fose máis alá de deixar probar a Nintendo 3DS aos presentes, comezouse cunha réplica do programa de televisión de Buenafuente, na que o coñecido presentador comezou cun monólogo sobre videoxogos para encadear logo unha serie de entrevistas moi amenas nas que adiantaron detalles sobre a nova consola e a impresión que tiñan sobre a mesma distintos convidados.

Nicolás Wegnez destacou o carácter social da 3DS e anunciou que Ocarina of Time estará localizado ao español

O primeiro en enfrontarse ás preguntas de Andreu Buenafuenta foi Nicolás Wegnez, o director de Marketing de Nintendo España, quen comentou moitas das prestacións da Nintendo 3DS, pero que tamén aproveitou o momento para avanzar que o xogo The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D estará totalmente traducido ao español (pese a que o xogo orixinal para Nintendo 64 vendérase en España en inglés).
Posteriormente visitaron o escenario desenvolvedores coma Enric Álvarez, de Mercury Steam, compañía que desenvolveu Castlevania: Lord of Shadow (o que podería dar a entender que hai un novo Castlevania en preparación para a 3DS) e os independentes Tyrone Rodríguez (que está a traballar en Nicalis Ins para levar Cave Story á Nintendo 3DS) e Roberto Álvarez de Lara (un dos responsables Over The Top, estudo español que desenvolveu NyxQuest, título de grande éxito en WiiWare), que destacaron as posibilidades que abren as 3D na creación de videoxogos.

Punset defendeu o uso dos videoxogos por parte dos nenos

Finalmente, saíu a escena un convidado moi especial, o coñecido divulgador científico Eduard Punset, que falou moi positivamente da experiencia tridimensional da 3DS no que definiu que era unha «quinta dimensión», á vez que insistiu en que leva tempo insistindo en que os pais non deben ter unha postura negativa ante os videoxogos, pois é preciso desmitificar o seu uso por parte dos cativos, xa que asegurou que «é absolutamente imprescindible para profundizar no coñecemento das cousas» e que os videoxogos non fan que os rapaces perdan a súa capacidade de concentración, senón que enriquecen como aprender un idioma.
Amais, Punset e Buenafuente comentaron que participaron nun experimento de Nintendo no que os convidaron a probar a nova consola portátil para gravar a súa primeira impresión ao probar a súa pantalla autoesteoscópica, o que tamén fixeron outros figuras de sona coma o futbolista Pepe Reina, a actriz Paula Echevarría e aos membros de El Hormiguero Juan Ibáñez (Trancas) e Jorge Marrón (Marron), como podemos ver a continuación:


Probando a Nintendo 3DS

No evento puideron verse adiantos de xogos aínda en desenvolvemento como o Mario Kart para 3DS

Tras o espectáculo inicial, Nintendo puxo a disposición dos presentes numerosas consolas Nintendo 3DS para poder probar en primeira persoa non só os títulos que van saír no seu lanzamento, senón tamén gozar de vídeos conceptuais que adiantan o que serán futuros títulos como Mario Kart, Paper Mario ou Metal Gear Solid 3DS: Snake Eater (que destacaba por facer un uso realmente intensivo das 3D), así como poder experimentar da realidade aumentada que ofrece a 3DS mediante o uso de tarxetas que facilitan a representación de imaxes tridimensionais na súa pantalla que aparecen mesturadas coas imaxes captadas polas súas cámaras, o que permite, dende xogar a apuntar e disparar a dianas integradas virtualmente nunha mesa que tiñamos diante, ata poder tirar fotografías xunto a Mario, Link ou Kirby.

A Nintendo 3DS permite xogar coa realidade aumentada

A Nintendo 3DS tamén funciona con xogo da Nintendo DS orixinal e gozará tamén de adaptación de vellos xogos da Game Boy orixinal, o que puido comprobarse in situ, e que serve para amosar o potencial de xogo desta consola que parte así cun inmenso catálogo de títulos dos que poder gozar dende o primeiro día, aínda que o forte claramente son os seus xogos nativos.
Os xogos que puideron probarse a fondo ían dende Los Sims 3 (unha adaptación bastante modesta do xogo, que non destaca especialmente no catálogo da nova portátil de Nintendo) ata unha impresionante conversión ás 3D de Rayman 2, que pese a ser unha saga bastante esquecida (en boa medida por verse eclipsada polos Rabbids, que naceran coma personaxes secundarios e que ascenderon para contar con múltiples xogos de seu) resulta ideal para experimentar a profundidade que achega a pantalla da 3DS.
Un dos xogos máis representativos da Nintendo 3DS será o Nintendogs + Cats, que sorprende polo feito de que as 3D non só afectan ao contorno, senón que tamén dan certo volume ás mascotas que protagonizan o xogo, o que fará gozar aos moitos seareiros desta franquía. Tamén había moitos interesados en probar o mencionado The Legend of Zelda: Ocarina of Time, no que podemos considerar que é unha conversión máis que correcta, na que as 3D déixanse notar, aínda que a súa maior virtude é a de permitir ás novas xeracións gozar dun dos mellores xogos de Nintendo de todos os tempos.
Cómpre destacar que as 3D xogaban un papel moi importante á hora de enfrontarse a títulos como Pilotwings ou Kid Icarus, que ao amosar imaxes de voo transmitían unha sensación de profundidade impresionante (o que tamén pasaba na demostración do Starfox 64 adaptado á 3DS); os xogos de condución, pese a estar limitados á pequena pantalla da portátil, conseguían certa sensación inmersiva moi enriquecedora; o Pro Evolution Soccer 3DS non destacaba precisamente polo seu uso das 3D, senón polo feito de acadar un nivel gráfico máis propio dunha PSP que dunha consola portátil de Nintendo, polo que os seareiros deste xogo de fútbol estarán encantados de poder levar no peto esta fonte de diversión; Resident Evil: The Mercenaries 3D demostraba que os xogos de tiros funcionan realmente ben na nova consola, o que pode contribuír a que certo público habitualmente alleo ás consolas portátiles decidan darlle unha oportunidade á 3DS; e incluso os títulos de loita poñían a proba non só as 3D, senón tamén o sistema de control da consola, que aproba o exame, de xeito que tanto o Dead or Alive: Dimensions coma o Super Street Fighter IV: 3D Edition podían manexarse con fluidez, resultando doado realizar combos, deixando claro que o stick analóxico da 3DS é considerablemente máis cómodo que o da PSP de Sony. Resulta curioso o feito de que o Street Fighter IV para 3DS conserve unha mecánica de xogo 2D e á vez sexa un dos que ten un uso das 3D que poida sorprender máis por inesperado, xa que os marcadores e os textos do xogo aparecen nun primeirísimo plano, mentres que os fondos teñen unha profundidade que, pese a estar presente nas súas versións para consolas domésticas, non destacaban como fai nesta entrega.
Entre os presentes había consenso en que a experiencia 3D era moi boa, aínda que non todas as persoas valoraban de igual xeito a barra de deslizamento que permite axustar o efecto de profundidade (e mesmo desactivalo), polo que para a meirande parte do público o efecto podía gozarse sen realizar ningún axuste, mentres que algunhas persoas tiñan que suavizalo lixeiramente.
Tras dúas horas probando distintos xogos en 3D a xente tampouco experimentou molestias ou mareos, polo que parece que os consellos que fan dende Nintendo sobre os descansos que debemos tomar no uso da consola son os mesmos que xa estaban presentes na Wii e outras plataformas de videoxogos, ou sexa, que non parecen atender a efectos nocivos da tecnoloxía que emprega a pantalla da 3DS senón a unha mera recomendación dun uso moderado dos videoxogos.
O que non permitiu o evento foi experimentar das posibilidades sociais e de rede que vai permitir a 3DS, pois deberemos agardar ao seu lanzamento o vindeiro día 25 para poder espremer tales prestación no mundo real, e que posiblemente cheguen a ter unha repercusión máis importante que a pantalla 3D sen lentes da nova portátil, mudando o xeito de entender este tipo de dispositivos, que cada vez teñen máis funcionalidades.

A Nintendo 3DS aposta por xogos e prestacións que a abren a un público moi diverso
A curiosidade pola pantalla 3D parece que será o principal reclamo da 3DS, aínda que conta con máis prestacións que poden ser a chave do seu éxito

PUBLICIDADE