Presidencia pon en marcha Galimap, un servizo de mapas en liña con datos locais

xoves, 8 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Méndez Romeu durante a presentación do Galimap

Internet semella estar abríndolle portas ó coñecemento da nosa xeografía e, máis polo miúdo, de todo o que nos rodea nas nosas localidades. Se hai unhas semanas falabamos nesta mesma web dun proxecto da Comisión de Toponimia de Galicia para preservar a través das novas tecnoloxías tódolos nosos nomes de lugar, agora é a Consellería de Presidencia quen move ficha, concretamente co servizo Galimap. Esta ferramenta, estruturada en base a un conxunto de mapas en liña da nosa terra, pon a disposición de tódolos cidadáns información “rápida e actualizada” sobre os concellos galegos (incluíndo información xeral sobre os consistorios, xulgados, tribunais, rexistros civís, notarías, etc).
O servizo, que foi presentado este xoves día 8 polo conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, vai fornecer á cidadanía galega de 60 mapas temáticos con datos que –grazas a un sistema incorporado de mensaxeiría- poderán ser logo enviados polos internautas a móbiles (a través de mensaxes breves de texto) e contas de correo electrónico. Segundo sinala Presidencia no eido da xestión da calidade, “Galimap dispón de datos sobre os concellos que teñen cartas de servizo -ferramentas de xestión para a mellora continua, certificacións de calidade outorgadas por terceiros, que realizan enquisas de satisfacción ou que teñen mecanismos de recollida de suxestións ou queixas vía Internet”.
Ademais, o servizo tamén vai encamiñado a impulsar a chegada da administración electrónica á sociedade galega e no eido local, ó achegarlles ós internautas que naveguen polos diferentes mapas dos concellos unha “visión global das posibilidades de tramitación electrónica e presentando non só os procedementos básicos que se poden atopar nas diferentes páxinas, senón tamén o grao de desenvolvemento dos mesmos segundo os criterios empregados pola Unión Europea”.

PUBLICIDADE