Preto de catorce mil familias galegas poden acceder xa ao espazoAbalar dende o móbil

luns, 21 de abril do 2014 Redacción

Nos últimos catro meses a AMTEGA, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, triplicou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.
A implantación da aplicación arrancaba a finais de novembro en 11 centros piloto, o que implicaba a 4.500 familias. A día de hoxe abalarMóbil está dispoñible para preto das 14.000 familias do alumnado matriculado nos 35 centros piloto das 4 provincias galegas (15 da provincia da Coruña, 9 de Lugo, 4 de Ourense, 7 de Pontevedra; 16 centros que imparten educación primaria, e 19 institutos de educación secundaria).
Nas vindeiras semanas outros 30 centros terán dispoñible a aplicación e o nos vindeiros meses ampliarase o alcance de abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos preto de 500.000 nais e pais se poderán beneficiar das vantaxes da aplicación.1
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, as incidencias creadas polo profesorado así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo e modificar o idioma da aplicación
AbalarMóbil pode descargarse de balde na App Store e en Google Play, tendas de aplicacións nas que acumula preto de 550 e 2.700 descargas respectivamente. Entre as vantaxes de acceder ao servizo do espazo Abalar dende o móbil está o feito de non precisar de certificado dixital e/ou DNI electrónico para identificarse no servizo, como acontece na súa versión de escritorio, pois chega con que o teléfono empregado figure como dato de contacto das familias dos alumnos.

PUBLICIDADE