Preto dun centenar de persoas participaron no programa de emprego Mos 3.0

mércores, 31 de agosto do 2016 Redacción

Este mércores celebrouse a clausura e entrega de diplomas do Programa Integrado de Emprego Mos 3.0, iniciativa a través da cal 90 alumnos e alumnas recibiron formación para facilitar o seu acceso ao ámbito laboral. No acto participou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientando que esta iniciativa “ofrece unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, impulsando o uso das novas tecnoloxías, ao tempo que achega aos participantes a oportunidade de acceder a un emprego”.
Impartíronse dous cursos (creación de aplicacións para teléfonos móbiles e preparación da proba libre da ESO) mediante os cales fíxose fincapé na formación, na prospección empresarial e na orientación laboral. En total, mantivéronse prospeccións en máis de 100 empresas e entidades e realizáronse 43 accións formativas, cunha media de participación de 12 persoas por curso.
A secretaria xeral de Emprego puxo en valor a importancia da cooperación entre a Administración autonómica e os concellos para o desenvolvemento destes plans. Así, tras a clausura do primeiro Programa Integrado de Emprego Mos 3.0 (un exemplo do devandito tipo de cooperación), está previsto empezar este ano unha segunda edición dirixida a 60 persoas desempregadas e que se encontren inscritas como demandantes nas oficinas de emprego de Mos. Neste caso, as accións formativas diríxense sobre todo a persoas menores de 30 anos.

PUBLICIDADE