Proseguen as xornadas sobre simulación e Industria 4.0 impulsadas por GAIN, CESGA e CIS Galicia

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

A cita en Ferrol sobre cómputo e simulación, celebrada o pasado 1 de decembro na sede de CIS Galicia, está a ter continuidade en diferentes recantos da nosa terra ao longo deste mes de xaneiro e, tamén, de febreiro. Así nolo contan os organizadores (GAIN, CESGA e CIS Galicia), recalcando que se trata dunha xira informativa con profesionais e PEME dirixida a amosar as posibilidades do cálculo avanzado para atoparmos xeitos de sermos máis rendíbeis, áxiles, eficaces e sustentábeis nos procesos de produción.
Estas Xornadas de Divulgación Tecnolóxica: Modelado, Simulación e Big Data a Industria 4.0 comezaron en Ferrol o 1 de decembro, proseguiron logo na Tecnópole (Ourense) e en Lugo (Confederación de Empresarios de Lugo) e terán continuidade o 25 de xaneiro en Porriño, no Centro Aimen de Aplicacións Láser. Máis tarde, chegarán a Bergondo (Asociación de Empresarios local, o 9 de febreiro) e a Santiago (Centro de Novas Tecnoloxías, o 23 de febreiro).
Como dixemos, o gran obxectivo da xira é visualizar perante as nosas empresas as vantaxes da computación avanzada, recurso clave para afrontar retos concretos en materia de eficiencia, competitividade e rendiblidade. As xornadas son moi acaidas para empresas de enxeñaría, industria e auxiliares. Nun plano máis concreto, serven para amosar os servizos para o impulso da computación nas PEME do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da Axencia Galega de Innovación e de CIS Galicia.
Tamén se vai dar a coñecer o servizo Xeración de Modelos de Simulación Industrial de Reacciona TIC, impulsado polo IGAPE e a axencia AMTEGA para optimizar a capacidade competitiva do tecido empresarial. Asemade, falarase da simulación numérica, da análise de datos e dos seus beneficios para as PEME, de computación de alto rendemento (HPC, High Performance Computing), das tecnoloxías que se requiren para implantar as novas solucións e de casos de éxito na aplicación e integración daquelas en empresas da nosa contorna.
As xornadas veñen da man da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e contan coa colaboración de CIS Galicia e o CESGA.

PUBLICIDADE