Proxecto eHeart: tecnoloxía galega eficaz contra as doenzas cardiovasculares

xoves, 3 de setembro do 2015 Redacción

O pasado 26 agosto a Tecnópole acolleu, como lembraremos, a presentación do proxecto eHeart, unha iniciativa galega destinada a reducir a incidencia das doenzas cardiovasculares a través de tecnoloxías propias que permiten, entre outras cousas, detectar de maneira temperá e en tempo real a fibrilación auricular (o tipo de arritmia máis frecuente no corazón, causa de posíbeis riscos de ataque cerebral, infartos ou fallos cardíacos). A presentación levouse a cabo na sede Conexiona Telecom, a empresa líder do proxecto, durante unha visita ás súas instalacións do conselleiro de Economía Francisco Conde. Na cita lembrouse “o gran potencial no eido médico” que ten este desenvolvemento así como o feito de que sexa froito dunha estreita colaboración entre a dita firma e as empresas Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom. Ademais, contouse co apoio tecnolóxico de Gradiant e o respaldo científico da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña. Segundo recorda Gradiant dende a súa web, a iniciativa baseouse na creación dunha ferramenta sobre un dispositivo non invasivo de medición da actividade cardíaca.
Ou sexa, que se trata dunha tecnoloxía que non altera os hábitos nin a rutina diaria do doente e que, ademais, posibilita o seguimento constante da actividade do seu corazón por parte dos especialistas a través dunha plataforma que emprega o estándar WebRTC. “A novidade de eHeart respecto doutros sistemas como os Holter ou os trebellos implantados”, sinala o centro tecnolóxico emprazado en Vigo, “é o uso de dispositivos miniaturizados, sen fíos e pouco intrusivos”. De feito, engaden fontes de Gradiant, eHeart é moi doado de usar, simple e cómodo para o paciente, “á vez que potente, rápido e versátil para o especialista”.

A primeira causa de morte en España

O proxecto ten a súa raizame na premisa básica do concepto da eSaúde: incrementar a nosa calidade de vida a través do uso de novas tecnoloxías intelixentes e avanzadas. Se ademais temos en conta que as doenzas cardiovasculares son a día de hoxe a primeira causa de morte no ámbito estatal, entón a conveniencia dunha tecnoloxía como eHeart é aínda meirande e máis ampla. Gradiant, ao fío disto, lembra que en 2006 este tipo de enfermidades ocasionaron case un terzo (32,5%) de todas as mortes do Estado, ao que engade que un de cada seis accidentes cerebrovasculares adoitan darse en doentes con fibrilación auricular, que é, por outra banda, a primeira causa de ictus. Por certo que este tipo fibrilación diagnostícase a través do electrocardiograma, porén é moi frecuente que malia o uso desta tecnoloxía, pase desapercibida para os facultativos, detectándose só durante o diagnóstico dunha persoa que xa sufriu un episodio de ataque cerebral ou déficit neurolóxico. Así, sinala Gradiant, unha vez máis a detección precoz é vital cando o risco é tan elevado.

A tecnoloxía eHeart ao detalle

Grazas ao emprego de dispositivos móbiles e “á súa capacidade de procesado”, eHeart fai posíbel detectar patróns de fibrilación en tempo real, acelerando o proceso de diagnóstico e, sobre todo, permitindo salvar vidas, actuando axiña ante os primeiros sinais de alarma. A tecnoloxía desenvolvida en eHeart, explicaron os responsábeis do seu desenvolvemento, fará que o paciente sexa controlado e seguido de forma continua e de maneira cómoda, “evitando as molestias dos dispositivos Holter, e sobre todo, esquivando os riscos dos dispositivos implantábeis no corpo do paciente, moito máis caros”. Ademais, posibilita seguir outro tipo de información salientábel, que é a actividade física e a frecuencia respiratoria. Segundo explican dende Gradiant, a tecnoloxía prepara o escenario axeitado para que usuario e médico manteñan sesións de teleconsulta aumentada, sen necesidade de trebellos extra “ou configuracións avanzadas e complexas” e mellorando de maneira significativa o manexo dos datos confidenciais e privados do paciente. Recordar tamén que eHeart recibiu financiamento do programa Conecta PEME II, xestionado pola Axencia Galega de Innovación, pertencente á Consellería de Economía e Industria, Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE