Pulo á tenda en liña de negocios de Lugo posta en marcha pola Deputación

venres, 1 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O comercio electrónico ten potencial para compensarnos por todas aquelas cousas que a crise, unha a unha, vai botando abaixo. En parte porque multiplica as dimensións do noso mercado, en parte porque permite aforros importantes en infraestruturas de venda directa e en parte porque permite a optimización do gasto no transporte e a distribución. Coller un pouco disto e algo máis é o obxectivo dunha páxina web galega que naceu xa hai un ano con vontade de converterse no centro comercial en liña da provincia de Lugo: losproductosdelugo.com.
O servizo de ecommerce, que ofrece versións en galego e castelán, veu da man da Deputación de Lugo, a través do seu programa Innóvate e de Inludes, e foi creado hai un ano co obxectivo de tirarlle proveito á Rede como escaparate para a promoción dos negocios da provincia, tal e como se nos recorda hoxe na Rede.
Agora volve estar de actualidade por dous motivos fundamentais: polo seu primeiro aniversario e, tamén, polo importante repunte de actividade que está a experimentar nas últimas semanas, cun bo número de establecementos adheríndose ao portal, que foi posíbel grazas a un convenio asinado co Ministerio de Medio Ambiente. Por certo que entre as incorporacións atopamos negocios emprazados nunha das áreas da provincia que os responsábeis do portal sinalaron no seu día (na orixe deste proxecto) como prioritaria de acción desenvolvedora. Falamos da comarca dos Ancares (coa casa de turismo rural Campa da Braña, de Cervantes, e o Hotel Urogallo, das Nogais).

PUBLICIDADE