Pulo aos centros tecnolóxicos galegos como dinamizadores da I+D empresarial

venres, 27 de marzo do 2015 Redacción

Os centros tecnolóxicos Gradiant, AIMEN, CTAG, ANFACO-CECOPESCA, Energylab e ITG formalizaron unha alianza coa Consellería de Economía para fortalecer o labor de aqueles como principais axentes dinamizadores da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) empresarial na nosa terra. O acordo, asinado entre Economía e ATIGA (Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia), celebrouse na sede do Círculo de Empresarios da avenida García Barbón de Vigo e contou coa presenza do conselleiro Francisco Conde. Ao seu xuízo, con este novo pacto aséntanse os alicerces de vindeiros proxectos consorciados, de gran alcance e envergadura. Tamén se reforzan as nosas opcións de captar fondos europeos.
Segundo se lembrou durante a sinatura, a asociación ATIGA (integrada por Anfaco-Cecopesca, AIMEN, CTAG, Gradiant, Energylab e ITG) colabora nestes intres con 1.600 empresas, tendo capacidade para captar 76 millóns de euros no anterior Programa Marco da Unión Europea, “que se verán incrementados no Programa Marco 2020”, explicouse no acto cos medios de comunicación, ao tempo que se fixo fincapé nas presentes e futuras capacidades de ATIGA e dos seus centros para crear emprego de calidade. Sobre este último punto, recordouse que o consorcio emprega a 814 persoas (“un 30% máis que en 2009”) e ofrece soporte científico aos sectores estratéxicos da economía galega. Ademais, salientouse o potencial dos nosos centros tecnolóxicos para ofrecer soporte científico e tecnolóxico a todos os sectores estratéxicos galegos.

PUBLICIDADE