Qualcomm presenta unha tecnoloxía avanzada de recoñecemento de pegadas dixitais

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Durante anos os lectores de pagadas dixitais en dispositivos móbiles e equipos informáticos estaban estancados, pero a incorporación de Touch ID nos iPhone revitalizou este tipo de sensores, e agora a propia Qualcomm promete ter mellorado esta tecnoloxía superando á de Apple grazas ao uso de ondas ultrasónicas para verificar as pegadas en tres dimensións, sendo incluso capaz de detectar ben unha pegada pese a que haxa algo de sucidade ou humidade.
A tecnoloxía Snapdragon Sense ID incluso sería capaz de analizar pegadas a través de cristal, aluminio, aceiro inoxidable, zafiro e plástico, ou sexa, que practicamente calquera fabricante podería integrar un destes sensores de pegadas nos seus dispositivos sen ter que facer grandes cambios no seu deseño (xa que o sensor de lectura non ten que estar tras un material en concreto).
Este sistema de recoñecemento 3D de pegadas dixitais parece ser máis seguro que outros métodos, xa que ao penetrar as capas exteriores da pel, rexistrando detalles tridimensionais e características únicas dunha pegada (como os propios poros da pel) facendo moito máis complicado duplicar unha pegada para enganar ao lector.
Esta nova tecnoloxía estará integrada nos novos procesadores Qualcomm Snapdragon 810 e 425, e estará dispoñible de xeito independente, esperándose que a finais de ano poidamos ver terminais que fagan uso deste novo xeito de identificar as nosas pegadas dixitais.


Vídeo de presentación de Snapdragon Sense ID

PUBLICIDADE