Quece motores a Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG

xoves, 19 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

O galardón entregarase no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática que organiza o CPEIGUn ano máis, e xa van oito, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai entregar os seus importantes e senlleiros galardóns ao abeiro da Noite da Enxeñaría en Informática Galicia (anoite.gal), o 3 de xuño en Santiago. A través de distintas categorías, os colexiados e colexiadas salientarán e visualizarán perante Galicia e o mundo as iniciativas, proxectos e persoeiros que máis e mellor tiveran impulsado e mellorado a profesión da Enxeñaría en Informática na nosa terra. A día de hoxe (19 de maio) xa sabemos os nomes dalgunhas destas entidades recoñecidas polo CPEIG. Por exemplo o proxecto Civil UAVs Initiative (Premio Iniciativa da Administración) ou a nova empresa NLPgo (Premio Iniciativa Emprendedora).
Ademais, distinguirase o labor de Vodafone a prol de botar abaixo barreiras tecnolóxicas (Premio eInclusión) e máis o da Autoridade Portuaria da Coruña polo proxecto Smart Port A Coruña, desenvolvido pola UTE Avante Emetel-Altia (o Porto da Coruña aposta por unha solución tecnolóxica a medida que innova sobre solución existentes e que inclúe investigación e desenvolvemento de novas funcionalidades; deste xeito a comunidade portuaria quedaría habilitada para o desenvolvemento de operación e servizos de forma integrada, segura, eficiente e innovadora).
Cómpre destacar tamén (por significado, compromiso e implicación) o recoñecemento a Nieves Brisaboa, profesora, investigadora e directora do Laboratorio de Bases de Datos da Facultade de Informática da Coruña (recoñecida co Premio Ada Byron).
As distincións, na súa totalidade, son as seguintes: Premio Traxectoria Profesional, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Proxecto Fin de Carreira (aberto á presentación de candidaturas e cunha dotación de 1.000 euros), Premio Iniciativa de Administración, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Colexiado de Honra e Premio Ada Byron (dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e, segundo se fai saber nas bases do galardón, “con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social”).
A maiores convocouse o Premio Iniciativa eInclusión, que irá dar a mans da operadora Vodafone polo seu compromiso co pleno afianzamento da cidadanía (toda a cidadanía) na Sociedade do Coñecemento. O galardón, como se indica no seu propio nome, vai dirixido a visualizar e distinguir aquelas achegas galegas con meirande potencial e maior capacidade para rematar coa fenda dixital en calquera das súas manifestacións (de xénero, urbano-rural, económica, social, cultural, de idade, etc). Ou sexa, para traballar a prol da máxima igualdade de condicións arredor do acceso (e uso) á Sociedade da Información.
Tamén se lle renderá homenaxe á Escola Superior de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo polos seus 25 anos de traxectoria académica.
Segundo fan saber dende o CPEIG acerca da preparación da Noite e as grandes novidades postas en xogo este ano, “a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia está xa quecendo os seus motores para que sexa unha velada inesquecíbel para todas as colexiadas e colexiados”. E engade: “Este ano celebramos a oitava edición, con máis novidades, máis premios, máis patrocinadores e cunha figura da televisión e o teatro, Leo Harlem, quen fará de mantedor dos premios e nos ofrecerá un divertido monólogo”.
Segundo informa o CPEIG, agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais premiados recibirán unha estatuíña sen dotación económica.
A entrega destes premios realizarase o día 3 de xuño en Santiago de Compostela, no Hotel Monumento San Francisco, no marco dunha cea de gala á que están convidados diversos persoeiros da vida pública e empresarial galega, aos que cómpre engadir representantes dos nosos ámbitos académico e investigador. A previsión é xuntar a máis de douscentos colexiados/as, xunto con outros convidados/as.
Para a organización do evento, o CPEIG contará coa colaboración de diversas empresas e institucións da nosa terra centradas no eido das novas tecnoloxías da información. De feito, “co convencemento de que o apoio ao Colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión”, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración de gala como entidades patrocinadoras ou colaboradores mediante a formalización dun acordo.
En palabras da entidade profesional que preside Fernando Suárez, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é xa “unha gala consolidada mediante a cal o CPEIG visualiza a súa presenza na sociedade galega, o traballo desenvolvido polos enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas no eido das novas tecnoloxías”. Segundo engade, en todas as sete convocatorias previas da Noite acadouse unha gran repercusión en múltiples vertentes: tanto na afluencia de público, autoridades e empresariado, como na repercusión nos medios de comunicación galegos e estatais como, tamén, no afianzamento de potencialmente frutíferas relacións entre profesionais do noso sector das novas tecnoloxías da información.
Para máis información, cómpre visitar a páxina web anoite.gal, onde se dá conta (entre outras moitas cousas) das diferentes modalidades establecidas, de imaxes das celebracións de anos anteriores e, tamén, do programa de actividades para o evento deste 3 de xuño, unha gala que está previsto que comece arredor das 20.00 horas cun cóctel de benvida para logo, arredor dunha hora máis tarde, abordar o acto de entrega de galardóns propiamente dito. A cita proseguirá coa cea de gala (posterior os premios), prevista para arredor das 21.45 horas.
Os patrocinadores da Noite
De ouro: Altia, AMTEGA, Bahía Software, Emetel, Epson, Everis, HP-Intel, Indra, Kaspersky, NetApp, Oracle, Plexus, R, Retegal, Telefónica, Unisys, Vodafone e Xunta de Galicia.
De prata: Acuntia, Arcade Consultores Inforhouse, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Deputación de Pontevera, Ednon, EMC, Fortinet, Grupo PSN, Idom, Informática de El Corte Inglés, Inycom, Oesía, Samsung, Symantec, Tech Talents e Tecnocom.
O Colexio
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa por obriga a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática, desenvolve actividades propias da profesión en Galicia. Arestora o CPEIG suma máis de 350 colexiadas e colexiados.

PUBLICIDADE