R inicia a migración dos seus móbiles de Vodafone a Orange

venres, 26 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O operador de telecomunicación, tras a súa absorción por parte de Euskaltel, comeza a enfrontar un dos maiores retos da compañía dende a súa consolidación no territorio galego, xa que principia a mudar de rede móbil, de xeito que os seus clientes, en vez de operar con Vodafone pasarán a ter cobertura con Orange, o que podería ter consecuencias a nivel de cobertura en función das zonas nas que se movan os usuarios, aínda que nalgúns casos suporá a apertura da rede 4G, a principal carencia do operador, que viña a demandarse por parte dos seus clientes dende o ano 2013, cando comezaron a ofrecer LTE en Galicia os operadores con rede móbil propia, e que supuña unha grande frustración para os usuarios que levaban anos adquirindo terminais compatibles coa rede 4G que non podían aproveitar.
Dende R xustifican o cambio de operador pola negativa de Vodafone para permitirlles dar servizo 4G e para poder axustar os prezos das súas tarifas móbiles, e dan conta de que a migración á nova rede móbil será gradual, estando previsto mudar unhas 110.000 liñas por mes, precaución para mitigar as posibles incidencias.
As novas liñas móbiles xa reciben unha tarxeta SIM adaptada á nova configuración de rede móbil, pero para o resto de usuarios non teña que superar atrancos como cambiar a súa tarxeta SIM, a migración farase de xeito remoto, de xeito que cando pase a funcionar coa rede de Orange recibirá unha mensaxe de texto coa información sobre o cambio de operador, aínda que xa podemos consultar os pasos a seguir vía web, onde teñen publicada unha guía para iPhone (dende a que descargar o perfil de configuración para iOS que simplifica o proceso de configuración) e outra para móbiles con Android (na que explican como configurar o APN para poder gozar de conexión á Internet sen problema). Tamén recomendan activar a itinerancia de datos no móbil para non ter problemas de conectividade de datos.

4G só nalgunhas tarifas

Como comentamos hai varias semanas, R limita a súa rede 4G ás liñas que teñan contratado como mínimo 3 GB de datos, que son as que dende hai un mes levan o sufixo 4G na súa denominación, podendo activarse o 4G tanto a través da aplicación do operador como da web de clientes. Rematado o proceso de migración aseguran que revisarán as tarifas nas que pode activarse o 4G, o que parece atender ao malestar dos clientes das tarifa máis populares, que verían como tras esperar 3 anos para gozar da nova conectividade quedan fóra por ter só contratados 1,5 ou 2 GB.

Posibles problemas de cobertura

Dende R recoñecen que con este proceso hai un grande temor dos usuarios á perda de cobertura móbil, e aseguran que o feito de que a cobertura de Orange en Galicia é peor que a de Vodafone é un “rumor” (cando na práctica é innegable que Vodafone ten a mellor rede de datos móbiles no territorio galego, superando incluso a Movistar), e aseguran ter realizado probas en máis de 100 concellos galegos e nas principais vías de comunicación de Galicia para verificar que o resultado con ambos operadores é semellante, aínda que recoñecendo que depende do caso, podendo resultar beneficiado na comparación un operador ou o outro, polo que confían en que os problemas de cobertura sexan algo moi puntual e pensan que o feito de que o 4G vaia estar dispoñible en 242 concellos galegos compensará o cambio de compañía, xa que cubriría ao 93% da poboación galega.

Páxina web de información

Para ter centralizada a información sobre a rede móbil de R, veñen de crear un espazo específico na súa páxina web no que axudan a resolver incidencias e recollen unha selección coas preguntas máis frecuentes sobre o tema.
Actualmente R ten máis de 400.000 liñas móbiles, polo que o cambio de operador podería tardar até fin de ano para completarse. Queda agora pasar a proba de lume, na que os clientes verán o comportamento da súa liña tras o cambio de rede móbil, para ver se iso ten unha consecuencia real na calidade do servizo e na confianza dos clientes no servizo de R, o que podería pasar no ámbito rural, onde é bastante habitual elixir compañía en función da disposición das antenas de telefonía móbil que dan cobertura para garantir a mellor calidade das telecomunicacións.

PUBLICIDADE