R podería quedar sen os contidos da liga profesional de fútbol para o ano que vén

martes, 28 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O panorama televisivo continúa a avanzar de cara á súa definición para o vindeiro curso, e un dos seus elementos máis polémicos, a guerra polo fútbol, comeza a perfilarse, e xa se sabe que serán seis os operadores que chegaron até a fase final do proceso de compra de dereitos: Movistar (o principal axente para a vindeira tempada), Vodafone, Orange, Mediapro, Telecable e un sexto operador máis pequeno. Isto significaría que Euskaltel e R quedarían fóra da ecuación, ou sexa, que non poderían gozar do acceso aos contidos da liga española de primeira división como en anteriores ocasións, o que podería ter serias consecuencias comerciais (pola fuga de clientes que queiran gozar dunha boa oferta de contidos deportivos).
Tras esta información enténdese que o perigo anti-competitivo de Movistar acaparando os dereitos futbolísticos desaparece, e a meirande parte dos operadores optaron por pasar por caixa para compartir os gastos do fútbol con Movistar, o que permitiría a Telefónica apostar tamén polos dereitos da Champions (que aínda non están pechados e que inicialmente esperábase que ofrecese Mediapro a través da nova canle BeIN Sports).
Dado que Movistar+ aínda non detallou os prezos que vai ter a súa oferta futbolística, parece que o resto de compañías tamén se amosan precavidas á hora de amosar as súas cartas, e aínda é posible que teñamos que agardar algunhas semanas para que remate de debuxarse o retrato do fútbol de pagamento para a vindeira tempada.
ACTUALIZACIÓN: Dende R aseguran que as negociacións aínda non están pechadas.

PUBLICIDADE