R renova con vacas voadoras a fachada do seu edificio no centro da Coruña
mércores, 11 de setembro do 2024
Dende hoxe a fachada do icónico edificio de R en pleno corazón da Coruña loce un aspecto renovado, cun grupo de vacas aladas que rodean o gran R corporativo da operadora galega de telecomunicacións, que explica que con esta imaxe busca “reforzar o convite a soñar e imaxinar polo que R se situou como marca, defendendo unha nova era chea de posibilidades para fábulas rompedoras e ideas alternativas”.
Todo isto condensado nun vinilo que ocupa os andares sétimo, oitavo e noveno do inmóbel coruñés da empresa fronte ao Obelisco. “Trátase dun lugar estratéxico que lles permite aos/ás viandantes divisar as ás das vacas case que dende a rúa Linares Rivas, uns 800 metros atrás”, lembran fontes da operadora.
O deseño creativo do vinilo leva o selo de Imaxe Intermedia, a axencia de publicidade galega que plasmou en preto de 500 metros cadrados de vinilo microperforado esa visión onírica das vacas voando felices sobre a fachada da operadora R, que engade que “este material resulta idóneo para minorar ou regular o impacto dos raios solares, ao permitir sempre a entrada de luz natural ás oficinas do inmóbel sen prexuízo da visión do exterior dende o seu interior”.
R sinala que a impresión e instalación do vinilo, executadas pola empresa Mástil rotulación, tamén autóctona 100% e con máis de 20 anos no sector, “durou algo máis do previsto porque o avance dos traballos requiría condicións meteorolóxicas de certa bonanza, algo nunca totalmente garantido nin sequera no verán— en terras galegas”.
As tarefas máis complexas esixiron a mobilización dunha infraestrutura móbil dende a azotea do edificio e xa remataron, co que tanto residentes como os/as turistas que se acheguen á cidade neste final de verán e en adiante poderán abraiar igualmente coa fantasía das vacas voadoras de R.