Razer faise con Ouya para avanzar no eido de Android TV

luns, 27 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O quinto proxecto con maior cantidade recadada a través de Kickstarter foi a consola de videoxogos Ouya, que coa súa proposta de videoxonsola baseada en Android conseguiu xuntar preto de 8,6 millóns de dólares, buscando así ofrecer unha experiencia diferente, asumible e moi libre, pero que ao final foi unha grande decepción ao non conseguir nin un bo catálogo de xogos nin un hardware realmente convincente que a convertese nun produto de éxito máis aló da súa campaña de financiamento. Pero iso non quere dicir que o seu concepto fose malo, e precisamente por iso Razer, a popular compañía de periféricos para xogos, vén de mercar parte de Ouya.
Concretamente Razer faríase co catálogo de contidos, o software, a tenda en liña e a marca Ouya, deixando fóra da compra a consola e o seu mando (que por outra banda foron produtos amplamente criticados e pouco valorados polo público) co que buscarían avanzar nos seus plans a longo prazo no eido de Android TV e da súa propia consolsa baseada en Android. Deste xeito Razer faríase cun 1.500 xogos optimizados para Android TV de vez, facilitándolle a súa introdución noutras plataformas Android TV, especialmente en mercados como o chinés, onde Android conta cunha boa implantación.
A intención de Razer é desligar o xogo de Ouya a unha máquina en concreto, abríndoos a Google Play e aos trebellos con Android conectados ao televisor que son tan populares en China (como a Mi Box de Xiaomi), ou sexa, que é posible que en Europa non vexamos moito rastro desta nova etapa de Ouya, xa que o mercado asiático é bastante diferente na elección de dispositivos de xogo (lembremos que durante quince anos a compra de videoconsolas estivo limitada en China) e tamén gozan unha penetración do xogo en liña e do free-to-play moi superior á nosa, polo que os modelos de negocio de cada territorio non teñen por que ser sempre iguais e cada mercado pode atender a unha idiosincrasia particular.

PUBLICIDADE