Recoñecida en certames internacionais a galega Domesting, que facilita o coidado do fogar pola vía das TIC

xoves, 27 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Pablo Rodríguez, creador de Domesting, nunha imaxe publicada en Emprendedores.esDomesting.com é unha nova (e innovadora) empresa de raizame galega de coidado doméstico cuxa gran característica é que permite á comunidade internauta contratar limpezas e outros servizos botando man dun sistema de reservas en liña e móbil. A startup, segundo nos conta unha das súas integrantes, Alba Lago, está a afianzarse xa nos mercados español e inglés (ten sede en Londres). De Domesting temos falado xa en Código Cero, salientando que detrás dela hai un equipo de mentes innovadoras da Coruña (incluído Pablo Rodríguez, fundador) e que o servizo é case con toda probabilidade o primeiro destas características que se pon en marcha no mercado español. Dende aquela, a listaxe de recoñecementos a Domesting non parou de medrar.
Así, foi finalista nos certames InnoSmart e Top Seed Labs (este convocado por GAN, a rede de incubadoras de empresas tecnolóxicas máis importante de Europa) e foi seleccionada para a canle Alpha do evento Web Summit (a gran cita europea das startups, onde participaron previamente firmas hoxe tan punteiras como Uber, Dropbox ou Spotify) e para o programa BluePrint de Paypal.
Para os responsábeis da empresa, “este contexto no que estamos a vivir non podía ser máis favorábel para iniciativas como Domesting, co comercio electrónico en claro auxe e as persoas con cada vez menos tempo libre”. Do que trata o servizo que impulsan, engaden, é de fornecer “unha nova forma de chegar aos fogares mediante dispositivos móbiles, televisións e ordenadores para a contratación de servizos domésticos a través do seu sistema, permitindo un aforro para os clientes non só de tempo investido na realización das tarefas domésticas senón tamén na propia contratación do servizo”.
Volvendo aos recoñecementos devanditos, cales son as razóns destas distincións e da aceptación da que está a ser obxecto o servizo? Segundo informa Pablo Rodríguez, entre os motivos fundamentais que alentaron o proxecto atópase sen dúbida a falta de tempo e de dispoñibilidade de boa parte dos integrantes da sociedade na que vivimos. Estamos polo tanto ante unha ferramenta inserida por dereito pleno nas correntes das chamadas Cidades Dixitais, onde todo está conectado para facernos a vida máis cómoda, os trámites máis áxiles, e os desprazamentos máis curtos (ou inexistentes) e os horarios moito máis áxiles e rendíbeis. “Detectamos que os nosos modelos familiares”, sinala Rodríguez, “caracterízanse pola falta de tempo para a realización dos labores domésticos”. Neste senso, engade, Domesting solucina en boa medida problema xa que é “unha mestura perfecta entre a rapidez, a seguridade e o alcanzábel”. De feito, o tempo o usuario emprega en contratar o servizo a través do móbil non adoita ir alén do minuto. di.
Alba Lago coméntanos tamén que seguen a existir nichos da nosa vida diaria, tarefas importantes a realizar, ante as que non temos a ninguén a quen acudir no caso de que a nosa axenda estea máis que completa e non haxa tempo material para desenvolver esas tarefas. A limpeza do fogar é unha delas. Esta é a razón, di, de que se puxesen en marcha iniciativas como Homejoy, que en Canadá e Estados Unidos foi quen de facturar 38 millóns de dólares. Máis en detalle, púxose en marcha no verán de 2012 logo de que as súas responsábeis directas constatasen un baleiro importante nos servizos empresariais da súa cidade: non existía ninguén que puidese limpar a súa casa de xeito cómodo e alcanzábel.
Semellantes vimbios son os que configuran a empresa de Pablo Rodríguez, que cando fala das orixes de Domesting lembra o intre no que descubriu, na Coruña, que lle era posíbel contratar un servizo de limpeza inmediato xusto antes dunha mudanza.
Para Alba Lago, “a importación do proxecto Domesting transcende máis aló da simple creación dun servizo de limpa, supón a chegada dunha nova filosofía no ámbito doméstico que responde o estilo de vida imperante na sociedade actual, caracterizado pola falta de tempo e o ritmo vertixinoso das cidades, que provocan que as tarefas domésticas sexan unha responsabilidade en ocasións incompatíbel coas particularidades da vida urbana”. A isto, di, cómpre engadir outro factor: a integración da muller no mercado laboral. Isto provoca que a súa figura se vexa modificada, engade. Ao seu xuízo, no marco do concepto tradicional de familia, o seu papel cambia desde o de única responsábel das tarefas do fogar ao de colaboradora.

PUBLICIDADE