Red.es convida ás firmas TIC a concorrer no Mobile World Congress de Shanghai

mércores, 4 de maio do 2016 Redacción

O Mobile World Congress Shanghai 2016 (do 29 de xuño ao 1 de xullo) promete ser unha das grandes citas internacionais do ano en materia tecnolóxica. Dito doutro xeito: estar alí e amosar produtos é ter boa parte do traballo de promoción feito. Para fomentar a participación das empresas galegas a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) lembra que hai un convite feito dende a entidade Red.es (patroa da Fundación da Mobile World Conference de Barcelona) para un completo feixe de empresas TIC estatais.
O evento, engade a axencia galega, contará coa presenza da propia Fundación e das 16 empresas españolas do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicacións e da Sociedade da Información que serán seleccionadas por Red.es a través deste convite. As empresas seleccionadas poderán obter unha axuda de ata 1.000€ para gastos de viaxe.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de maio ás 23:59 horas. A selección das empresas farase seguindo o orden de presentación de solicitudes. A información completa sobre a invitación pódese encontrar no Perfil do Contratante en Red.es.
A maiores, Red.es recorda a súa colaboración coa South Summit ao abeiro da súa estratexia de apoio ao emprendemento tecnolóxico. Froito desta colaboración, convida aos emprendedores TIC a participar na Startup Competition do South Summit que se celebra en Madrid entre o 5 e o 7 de outubro de 2016.

PUBLICIDADE