Red.es organiza un encontro multisede para amosarnos a Internet do futuro

martes, 30 de setembro do 2014 Redacción

Intuímos como vai ser a Internet do futuro, pero se cadra precisamos de detalles precisos, agarradeiras das que termar. Habilitar un escenario de traballo colectivo sobre este punto, e que ademais sexa unha fonte de datos concretos dos que tomar nota, é o gran obxectivo de FIWARE: Conectando as cidades á Internet do futuro, unha convocatoria que vén da man do Ministerio de Industria (Red.es) e que se vai desenvolver entre o 15 e o 17 de outubro en Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla e Valencia. Durante estas xornadas amosarase ás PEME e aos emprendedores o potencial da tecnoloxía FIWARE para “crear servizos innovadores”. Industria lembra que a Unión Europea encamiña 80 millóns de euros a este tipo de proxectos.
O proxecto FIWARE, impulsado e financiado pola Comisión Europea e desenvolvido por departamentos e axencias TIC de todo o continente, é en palabras dos seus responsábeis “unha tecnoloxía horizontal con interfaces abertas e normalizadas, arestora operativa e accesíbel para probas e que dispón de información facilitada por cidades e outras entidades (Open Data)”.
Segundo engaden fontes de Red.es, “nestas xornadas terán especial protagonismo as 11 aceleradoras do programa FIWARE Accelerator que contan con presenza española na súa organización e que están chamadas a contribuír á creación dun ecosistema nacional con proxectos sobre temas tan variados como enerxía, saúde, impresión 3D, agricultura ou Smart Cities”. Tratase polo tanto dun encontro que se presenta por vez primeira en formato multisede e que abranguerá actividades formativas e de emprendemento como a Startup Weekend en Valencia ou os obradoiros de programación e hackathones FIWARE de Sevilla e Las Palmas de Gran Canaria.
Respecto de FIWARE, dicir que é un proxecto que ten a súa raizame no intre en que a Comisión Europea a boa parte das principais empresas TIC europeas xuntaron forzas en 2011 para situar a Europa nunha posición de liderado no ámbito da Internet do Futuro (Future Internet PPP - FI-PPP). FIWARE constitúe polo tanto a columna vertebral do programa FI-PPP e xorde co obxectivo “de crear un ecosistema aberto ao redor da tecnoloxía e os datos, a través do desenvolvemento dunha plataforma estándar (FIWARE) que ofrece un conxunto de APIs (Interfaces de Programación de Aplicacións) que facilitan o desenvolvemento de aplicacións, con especificacións abertas”.

PUBLICIDADE