Red.es traballará co CENTAC en tirar abaixo barreiras de accesibilidade TIC

mércores, 9 de outubro do 2013 Redacción

Red.es colaborará en materia de inclusión TIC coa Fundación Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC), da que falamos recentemente para dar conta do seu traballo a prol de crear unha Sociedade da Información igualitaria (e polo tanto intelixente) e dos seus acordos coa asociación galega INEO. O acordo de colaboración con Red.es diríxese promover e difundir a accesibilidade no eido das novas tecnoloxías, tal e como fixeron saber os asinantes do convenio, o director xeral da entidade público-empresarial do Ministerio de Industria, César Miralles, e o director xeral de CENTAC, Juan Luís Quincoces.
Nun plano máis concreto, ámbalas entidades traballarán na verificación da accesibilidade universal de sitios web, así como na análise de accesibilidade de páxinas móbiles e aplicacións para smartphones, con especial atención a aquelas desenvolvidas pola administración pública. De igual forma, os dous organismos poderán asesorar nesta materia ás administracións e o sector do TIC.
A maiores, a entidade dependente do Ministerio de Industria e CENTAC tamén colaborarán na difusión e o fomento da accesibilidade mediante o desenvolvemento de accións conxuntas que teñan como fin a capacitación de profesionais e cidadáns. Asemade, informaron, “prestarase especial atención á incorporación de requisitos de accesibilidade nos procedementos de compras públicas e na súa incorporación dentro do programa de Smart Cities que está a pór en marcha Red.es”. Por último, o convenio establece que CENTAC levará a cabo polo menos dous obradoiros presenciais na sede de Red.es co obxectivo de mellorar as competencias do persoal desta entidade no referente a accesibilidade TIC.

PUBLICIDADE