Redegal desenvolveu a tenda en liña da galega Caramelo

venres, 21 de novembro do 2014 Redacción

Redegal deu a coñecer este mes os seus traballos web para a empresa galega Caramelo, a marca posta en marcha na Coruña hai máis de catro décadas e, arestora e dende hai tempo, un referente da industria téxtil e do deseño en múltiples mercados (ten presenza en máis de 20 países). Este papel referencial e o estilo propio de Caramelo, unidos a unha serie de elementos que sitúan á empresa nos chanzos superiores da evolución dixital (por exemplo un deseño responsive que atende á crecente cifra de persoas que empregan os seus dispositivos para buscar información e mercar roupa), foron os ingredientes básicos usados por Redegal para a renovación da tenda en liña da firma de moda.
O resultado, sinala Redegal, é un establecemento en liña “intuitivo e accesíbel” que conta cuns menús estruturados e con elementos que fan máis doadas as procuras de calquera produto. Máis en detalle, puxéronse en xogo recursos que salientan as calidades que os usuarios agardan atopar e apostouse polo contido visual e pola “correcta usabilidade” de todo o conxunto. Redegal tamén destaca do produto final a política de envío e devolución de balde da que fai gala a tenda en liña, ao tempo que valora moi positivamente a facilidade de rematarmos a compra sen ter que rexistrarnos antes, un atranco que “pola nosa experiencia”, engade a empresa galega, “soubemos eliminar para favorecer a conversión e evitar calquera taxa de rebote innecesaria neste punto”.

PUBLICIDADE