Redegal visitará o campus de Google como recoñecemento ás súas campañas publicitarias

luns, 24 de agosto do 2015 Redacción

Redegal foi premiada por Google na súa celebración anual do All-Stars Competition, unha competición entre os partners da empresa estadounidense recoñecendo aqueles que maior investimento publicitario realizaron nas súas plataformas. O premio obtido é unha viaxe a Mountain View, California onde coñecerán o campus e a cultura de Google.
Google celebra anualmente a Google All-Stars Competition, e na súa edición 2015 Redegal, compañía galega especializada en mercadotecnia dixital, asegura ter sido premiada cun convite ao campus de Google en Mountain View ao ter conseguido ser a compañía que maior retorno de investimento entre os beneficios e os custos publicitarios xerou en España en 2015.
Entre o 31 de agosto e o 2 de setembro, dous membros do equipo de Redegal, terán a oportunidade de viaxar ao campus de Google e poder compartir cos mellores profesionais da empresa norteamericana as súas experiencias e coñecementos. Os encargados de representar a Redegal no devandito evento son Inés Pavón, SEM Account Manager e Tiago Mojón, CTO. Terán a oportunidade de visitar a sede da compañía, participar en sesións de probas de mercadotecnia, cear co equipo de Google Partners, xerar networking co resto de axencias internacionais e máis sorpresas.

PUBLICIDADE