Repsol e a UDC xuntaron en Ferrol a máis de oitenta investigadores das tres universidades galegas

luns, 27 de outubro do 2014 Redacción

A Fundación e Refinaría Repsol e a Universidade da Coruña organizaron o pasado venres, no Campus de Ferrol, a primeira edición dunha xornada e encontro a tres bandas: por unha banda a dos nosos centros de investigación e tecnolóxicos amosando os seus últimos achados (susceptíbeis de achegaren transferencia tecnolóxica para as empresas), por outra banda as nosas compañías interesadas en tirar proveito do coñecemento xerado nos centros e, para rematar, a nosa comunidade de estudantes, futuros investigadores ou integrantes do tecido produtivo innovador. A cita Workshop Repsol UDC, na que participou o CITIC (entre outros), reuniu a máis de 80 investigadores das tres universidades galegas para dar a coñecer os seus últimos proxectos no ámbito da innovación.
Houbo proxectos dos seguintes ámbitos: biocombustíbeis, enerxía, eficiencia enerxética, novas tecnoloxías da información, materiais, matemática, química ou tecnoloxías ambientais, entre outros eidos.
O obxectivo desta xornada, en palabras da Fundación, foi o de “espertar nas empresas o interese polas universidades, non só como unidade formativa, senón tamén como apoio para crear apostas innovadoras que aumenten a súa presenza nos mercados, xeren máis emprego e respondan ás novas necesidades sociais”.
Ademais de Repsol acudiron preto de corenta empresas e centros tecnolóxicos, entre as que salientaron Alcoa, Asime, Cristaleira Pontevedresa, CITIC, CyE, Emetel, Estrella Galicia, Facet Ibérica, Foresa, Fridama, IBM, Indra, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Magallenes Renovables, Navantia, Neodyn, Pérez Torres, Porto Muíños, Proyfe e Porto de Ferrol. Todos eles puideron visitar as seccións instaladas no Campus, onde os investigadores explicaron aos empresarios e asistentes os seus proxectos.
O Workshop Repsol UDC 2014 tamén contou coa presenza de representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico (CDTI) do Ministerio de Economía e Competitividade. Estes organismos explicaron as liñas de axudas para a innovación que se convocarán nos seus departamentos e ás que poderán optar empresas e investigadores.
Clausuraron a xornada o vicepresidente de Repsol, Cesar Gallo, e o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto. Pola mañá o Campus recibiu a visita de máis de 400 alumnos de Secundaria e Bacharelato. Todos eles puideron coñecer de primeira man “a actualidade innovadora que se realiza nas universidades aproveitando a presenza dos investigadores”, sinala a organización do evento.
Entre os proxectos presentados podemos destacar, no ámbito das novas tecnoloxías, unha aplicación web de eficiencia enerxética a cargo de PROTERM-MODES, da Universidade da Coruña, o enchufe intelixente para evitar incendios e electrocucións, do CITIC, ou unha achega para dar forma a tecnoloxías de simulación para resolver problemas de transporte e loxística, a cargo do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE