Resident Evil 7 estará incluído no programa Xbox Play Anywhere

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Ha franquía de Resident Evil leva xa 20 anos entre nós, e tras vender máis de 69 millóns de copias e contar incluso con adaptacións en pantalla grande (saga protagonizada por Milla Jovovich que rematará este mesmo ano) está a preparar un revulsivo con Resident Evil 7, xogo que afastarase da senda da acción dos últimos anos, e volverá ao xénero do survival horror, no que poderiamos ver como unha saga totalmente nova, xa que incluso muda de perspectiva, pasando a presentar a acción en primeira persoa (o que conseguirá unhas sensacións máis impactantes e incluso facilitará que poida gozarse o xogo con cascos de realidade virtual no caso da súa versión para PS4).
Aínda que o uso de PlayStation VR é un importante incentivo para facerse coa versión de PS4 do xogo, en Xbox One non quedarán impasibles, e Phil Spencer anunciou en Twitter algo que pillou ao público totalmente por sorpresa: Resident Evil 7 estará incluído no programa Xbox Play Anywhere. Isto quere dicir que se mercamos a edición dixital para Xbox One poderemos descargar sen custo adicional o xogo en Windows 10, ou sexa, que teremos á vez o xogo na nosa consola e no nos ordenador, permitindo incluso continuar as partidas dunha plataforma na outra e gozar de xeito conxunto de todos os contidos do xogo (incluíndo contidos descargables e pases de tempada).
Este anuncio por parte de Spencer sorprende especialmente polo feito de que o xogo sairá á venda o vindeiro martes, e até o momento non se dixera nada ao respecto e nin sequera se incorporou o selo de Xbox Play Anywhere na ficha en liña do xogo na tenda de Xbox One.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE