Rexeitan da App Store o xogo The Binding of Isaac

luns, 8 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

No ano 2012 o xogo The Binding of Isaac converteuse en todo un fenómeno dentro da escena independente ao superar o millón de copias para PC, o que era un logro impresionante para unha mestura de roguelike e shooter de rol desenvolvido por un grupo moi reducido (a idea chegou de Edmund McMillen e Florian Himsl que contaron coa axuda do compositor Danny Baranowsky). Cómpre destacar que este título independente parte dun argumento moi macabro (Isaac é un cativo que ten que fuxir da súa nai, quen escoitou a voz de Deus pedíndolle un sacrificio para demostrar a súa fe) que leva ao enfrontamento do protagonista con inimigos moi tolos, entre os que non faltan irmáns perdidos e a súa propia nai, o que dende Apple non consideraron axeitado para a súa tenda de aplicacións, o que levou a un rexeitamento do xogo na App Store bastante molesto, xa que os responsables do xogo tiveron que responder a máis de 80 preguntas por parte do persoal de Apple que revisa a aplicación para finalmente indicarlles que The Binding of Isaac: Rebirth non podía publicarse para iOS por “contar contido ou características que presentan violencia contra (ou abuso de) nenos”, conclusión á que poderían ter chegado sen nin sequera ter probado o xogo, xa que é o seu argumento principal.
Un dos produtores do xogo, Tyron Rodríguez, amosou na Rede o seu malestar pola decisión de Apple, que considera arbitraria, e como exemplo pon o aclamado xogo The Walking Dead, presente na App Store, no que que a violencia contra nenos tamén é un elemento fundamental.
As novas versións de The Binding of Isaac están a ser desenvolvidas por Nicalis, compañía que está a traballar para levar o xogo a distintas plataformas nas que esperan que incluso estean as consolas de Nintendo, de aí que sorprendan especialmente os atrancos que está a pór Apple a un xogo recoñecido mundialmente con numerosos premios e boas vendas, que podería editarse sen maiores problemas con só indicar que está dirixido a maiores de 18 anos.

PUBLICIDADE