Ribeira amosa a súa plataforma turística na Smart City Expo World de Barcelona

xoves, 20 de novembro do 2014 Redacción

As cidades galegas queren ser un referente no ámbito das urbes conectadas. Se o outro día falabamos da participación da Coruña nun evento internacional do talle da feira Smart City Expo World Congress, hoxe toca mencionar o caso de Ribeira, cuxa plataforma turística web (da que falamos en detalle hai uns meses dende Código Cero) foi presentada no serán de onte no mesmo congreso, sen dúbida un dos grandes focos de coñecemento mundial relacionado co fenómeno das Cidades Dixitais, que son a evolución natural dos nosos espazos urbanos cara a un modelo que ten moito que ver coa vida 2.0. Dito doutro xeito: serán cidades-rede onde todo, dende desprazarnos até relacionarnos coa administración, será moito máis áxil, rápido, eficaz, sustentábel e doado.
Volvendo á xuntanza que se desenvolve até hoxe na Fira de Barcelona (escaparate de proxectos innovadores dunha longa listaxe de países, incluídos Rusia, Estados Unidos ou Francia, amais de España), sinalar que para debullar os detalles da iniciativa turístico-tecnolóxica do devandito concello coruñés acudiron ao congreso representantes da empresa galega responsábel do deseño e creación da plataforma, Avansig, que amosaron os obxectivos e recursos da mesma perante máis dun centenar de persoas.
Segundo informa o Concello de Ribeira, os responsábeis da plataforma galega compartiron experiencias cos desenvolvedores de proxectos análogos de Lyon (Francia) e Portland (Estados Unidos), así como doutras solucións tecnolóxicas propostas polas compañías Indra e Habidatum International.
Respecto da tecnoloxía posta en marcha en Ribeira, sinalar que está cofinanciada nun 70% con fondos Feder, combinando Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIG) con tecnoloxías web e tecnoloxías móbiles, o cal se materializa na existencia dun Visor SIX Web e dúas aplicacións móbiles (Smart Riveira e Turismo Riveira) dispoñíbeis para calquera usuario, ademais dun panel de control de xeito que os técnicos poidan administrar o conxunto da plataforma.
Amais da súa participación na feira catalá, o Concello de Ribeira tamén deu a coñecer a súa intención de contratar unha asistencia técnica co obxectivo de dinamizar e tirar o máximo partida a esta plataforma e a propia web municipal. Ademais, a asistencia encargaríase do velar pola implantación en Ribeira das novas esixencias derivadas da Administración Electrónica.

PUBLICIDADE