Richard Stallman súmase á campaña que pide á RAE que mude a definición de hacker

martes, 28 de outubro do 2014 Fernando Sarasketa

En que pensamos cando pensamos nun hacker? Pois a cousa varía cando quen pensa é unha persoa que fala en inglés e outra que segue as definicións dada pola Real Academia Española. Para facernos unha idea, o termo inglés hacker non ten as unívocas connotacións negativas que ten o termo usado en español. Para a RAE, un hacker é ante todo un pirata informático. Nada se di dos activistas do ámbito dixital nin se aclara nada sobre as diferentes causas que poden mover a uns e a outros. Co fin de que obter a opinión directa do que se considera un dos hacker máis coñecidos do mundo, Richard Stallman, abandeirado e firme defensor do coñecemento e a tecnoloxía libre, o Navegante animouno a responder á pregunta de que pensa sobre a dita definición da RAE.
Ao seu xuízo, a explicación que dá a Academia non só é limitada e errónea, senón que tamén é errónea a traxectoria da RAE con respecto a Internet, xa que teima en “usar programas privativos na súa web”. Isto sufriuno o propio Stallman na súa propia persoa, xa que a través dos seus propios medios de navegación informática (estritamente libres, abertos ao cen por cen) non foi quen de acceder aos contidos da Academia e moito menos á definición de hacker. O problema estaba, dixo, en que había ligazóns que contiñan código privativo.
Cando por fin deu coa definición, atopou isto: “Trátase dunha persoa con grandes habilidades no manexo de computadores, que utiliza os seus coñecementos para acceder ilegalmente a sistemas ou redes alleos”. Para Stallman, está claro que “to hack” significa en parte romper seguridade informática, pero tamén significa “empregar a intelixencia con espírito de xogar e fóra dos eidos habituais das artes e do humor”. Stallman tamén recordou que se seguimos a acepción dada pola RAE, estaremos a chamar piratas e ilegais aos centos de milleiros que participan a diario en todo tipo de actividades legais e enriquecedoras destinadas a compartir coñecemento, enténdase os participantes nos eventos chamados hacklabs en calquera das súas manifestacións.
Como remate, lembrar que o informático Chema Alonso puxo en marcha os días pasados unha iniciativa en Change.org para tentar que a Real academia Española mude a dita definición.

PUBLICIDADE