Ricoh presenta unha nova cámara de 360 graos

xoves, 13 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Agora que os sistemas de realidade virtual comezan a popularizarse, os sistemas de captación de fotografías e vídeo en 360 graos tamén buscan o seu sitio, e por iso Ricoh vén de ampliar a súa familia de cámaras Theta, co modelo SC, que situaríase entre o modelo básico (M15) e o superior (S), buscando converterse en todo un referente entre as cámaras que queren achegar os 360 graos ás masas, principalmente pola súa facilidade de uso.
Esta nova cámara supón interesantes melloras como unha maior apertura do seu obxectivo e un menor peso, resultando especialmente atractivo o feito de que as fotografías e os vídeos que xera poden cargarse rapidamente en smartphones e tabletas (grazas ás aplicacións THETA+ e THETA+ Video) para despois poder subilas a theta360.com ou incluso é posible subir os vídeos en 360 graos directamente a Facebook e YouTube, sen precisar dun ordenador para tal proceso.
As cámaras Ricoh Theta SC venderanse en varias cores (azul, beixe, rosa e branca), teñen unhas dimensións de 130,6 x 45,2 x 22,9 milímetros, 102 gramos de peso, 2 obxectivos con sensores CMOS 1/2.3 de 12 Mpíxeles e apertura f/2.0 e 8 GB de almacenamento interno que serve para almacenar imaxes JPEG e vídeo en MPEG-4 accesibles a través un porto micro USB 2.0 ou mediante conectividade Wi-Fi.
Estas cámaras son máis que suficientes para a meirande parte dos usuarios, mentres que o seu modelo superior, a Theta S, ten como principais diferenzas o contar con saída de vídeo micro HDMI e poder emitir vídeo en directo a través da Internet.

JPEG - 128.4 KB
As cámaras Ricoh Theta SC, coa súa simplicidade, buscan converterse nun produto de consumo masivo

PUBLICIDADE