SITE informa a 50 empresarios de Lugo sobre o máis avanzado software empresarial

xoves, 24 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Diego Grande (Tecnocom), Rodolfo Ojea (Fundación CEL), Víctor Fariña e Julián Cerviño (Queres) participaron no encontro do Proxecto ETIC

Tanto como a información en si mesma, ou máis, vale o tratamento que lle deas. Ou mellor dito: como a teñas disposta. A día de hoxe, unha boa xestión do coñecemento afórranos tempo, esforzos e máis problemas de seguridade, amais de contribuír ao desenvolvemento da nosa empresa. A pregunta que nos podemos facer é: como acadar un óptimo manexo dos datos, tan axeitado coma o dos nosos competidores? Pois, para desgraza de todos aqueles que aínda seguen a desconfiar das novas tecnoloxías, cómpre dicir que pasa por elas case de xeito inevitable. Tal e como se contou hoxe mesmo en Lugo, durante a quinta xornada dos encontros do Proxecto ETIC, a mellor organización dos documentos dunha empresa acádase na actualidade con software especializado. Disto foron informados polo miúdo máis de cincuenta emprendedores e traballadores da provincia, todos eles congregados pola Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE), entidade organizadora das xuntanzas.
Por certo que a sesión de hoxe correu a cargo de dúas consultoras do eido tecnolóxico (especializadas na implantación de plataformas de portais e xestores da información) e outras dúas firmas de Lugo que xa funcionan cunha ferramenta axeitada para o manexo dos seus datos.

Diego Grande (Tecnocom) ilustrou aos presentes cunha serie de casos prácticos

Os relatorios deron comezo coa intervención de Diego Grande, da firma multinacional Tecnocom, quen a través dunha serie de casos prácticos salientables afondou nas vantaxes das plataformas de xestión de portais e contidos, das intranets e das extranets. A continuación, Víctor Fariña e Julián Cerviño (da empresa galega Queres Tecnoloxías, especializada en solucións de software libre para o contorno empresarial) desenvolveron unha exposición conxunta para amosar as utilidades do sistema Alfresco, ferramenta para o tratamento da información que foi introducida con éxito en empresas como Hijos de Rivera (Estrella Galicia) e Gadisa, por citar exemplos destacables do eido da nosa terra.
Os casos prácticos de empresas con actividades diferentes que conseguiron optimizar o seu traballo cun xestor documental corresponderon ao despacho multidisciplinar Álvarez Real e á consultoría técnica integral Proitec.
A xornada, que se desenvolveu no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre as 19:00 e as 21:00 horas, clausurouse co sorteo entre os inscritos dun escáner de alta resolución. Asemade, os primeiros cincuenta matriculados nesta xornada recibiron unha memoria extraíble cos contidos dos relatorios en formato dixital.
O vindeiro encontro do Proxecto ETIC desenvolverase co epígrafe Web 2.0 ¿moda ou realidade empresarial? A data elixida será o 22 de outubro.

PUBLICIDADE