SIVSA presenta Geenie, innovador asistente para o catálogo centralizado

venres, 14 de xullo do 2017 Redacción

A empresa galega SIVSA, responsábel do desenvolvemento e lanzamento de Fenix (software de xestión clínica na nube especialmente pensando e optimizado para médicos e clínicas), está a presentar este verán unha nova contribución tecnolóxica destinada a revolucionar, desta volta, o ámbito da compra centralizada. Estamos a falar do asistente Geenie. Este, máis polo miúdo, é un servizo que facilita aos organismos públicos a compra de bens dentro do sistema de Contratación Centralizada do Ministerio de Facenda. Geenie, dispoñíbel dende o pasado mes de xuño, é un novo paso de SIVSA a prol de atender “as necesidades e problemáticas das diferentes institucións para poder optimizar os seus recursos”.
Neste contexto, engaden fontes de SIVSA, o devandito sistema simplifica o proceso de compra dentro do catálogo centralizado. Por unha banda, ofrece un sistema de consultoría e asesoramento sobre os bens que mellor cobren as necesidades do organismo solicitante; e, por outra banda, unha vez que se teñen identificadas as necesidades e definidas as compras a realizar, introdúcese no catálogo para facilitar ao organismo as referencias que ten que solicitar. De maneira paralela, Geenie ten informado ao provedor con vistas á preparación do seu equipamento, “de modo que o pedido xa estea listo para o seu envío axiña que se confirme a adxudicación”.
Vantaxes de Geenie
Segundo engade a empresa galega, con sede en Vigo, o servizo ofrecido por Geenie redunda “nunha optimización da racionalización do gasto promovida polo sistema de Compra Centralizada da DGRCC”. De feito, a firma recórdanos que cómpre que teñamos en conta que a adquisición de bens a través do Sistema de Xestión Electrónica da Central de Compras do Estado é “un proceso longo no que interveñen moitos axentes”. Aí, simplificando este traballo, entra en xogo Geenie: “Nós aseguramos que de maneira paralela á tramitación, o pedido estea preparándose para servilo directamente ao organismo peticionario canto antes, e todo isto garantindo que o envío se produza no lapso de tempo máis breve que o sistema do Estado posibilita”.

PUBLICIDADE